Contan cun orzamento de 1,5 millóns de euros

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres á licitación das obras na cidade do carril bici metropolitano

A Xunta de Goberno local dará o visto e prace este venres ao inicio do procedemento necesario para licitar as obras do carril bici metropolitano, unha actuación que derivará na construción dun itinerario ciclista que, unido coas infraestruturas xa existentes, conectará a Cala de Bens coa Ponte da Pasaxe.

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres á licitación das obras na cidade do carril bici metropolitano
Daniel Díaz Grandío
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, destaca a “importancia e prioridade dun proxecto que é estratéxico tanto para A Coruña como para os concellos veciños”

Concello da Coruña | 7/09/2017

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, sinalou que se trata dun "paso fundamental á hora de impulsar a creación do esperado carril bus metropolitano, que conectará dunha forma sostible os itinerarios ciclistas da Coruña, con Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros". As obras terán un orzamento total de 1.490.857 euros e se adxudicarán mediante un sistema de procedemento aberto. O gasto previsto dividirase en dúas anualidades, de 635.338 euros para este exercicio e 855.519 para o seguinte.

Unha vez que as obras teñan pasado o período de licitación e sexan adxudicadas, o proxecto  estima un prazo de execución de en torno a seis meses. As actuacións previstas pasan pola creación dunha rede ciclable que percorra o litoral municipal. En concreto, os tramos de actuación irán da Avenida da Mariña á Delegación do Goberno (tramo de 800 metros de percorrido que pasará por Cantón Grande e Pequeno, Sánchez Bregua e o inicio de Linares Rivas); da Delegación do Goberno ao Parque de San Diego (1.525 metros de percorrido que discorrerían por Praza de Ourense, Linares Rivas, intersección con Ramón y Cajal e AC-12 até o inicio do Parque de San Diego); e Parque de San Diego a Ponte da Pasaxe (cun tramo de 3.000 metros de percorrido dende Oza, pasando pola AC-12, Xubias de Arriba e a AC-12 até a Pasaxe).

"Estamos a dar un impulso moi importante ao uso da bicicleta, non só na nosa cidade, senón no resto da área metropolitana, o que entronca coa nosa visión da Coruña como unha cidade próxima e inclusiva", indicou Díaz Grandío, que insistiu en que, non obstante, "esta actuación non é única", xa que o goberno local tamén pretende ampliar a rede ciclable da cidade, así como apostar pola implementación da bicicleta eléctrica, logo de, recentemente, ampliar e mellorar o parque municipal de bicis.

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres á licitación das obras na cidade do carril bici metropolitano