ÁREA DE ASUNTOS ESQUECIDOS (2) | A PROMESA DO PARQUE

A vida segue igual na Agra

Fracasa o primeiro plan do goberno de Inés Rey para poñer en marcha un parque no Observatorio que as veciñas criticaban por insuficiente.
A vida segue igual na Agra
O edificio do Observatorio, no pequeno parque actual, entre casas.
O edificio do Observatorio, no pequeno parque actual, entre casas.

O barrio da Agra do Orzán seguirá sen parque nin plan para o parque nin perspectiva do que o voceiro popular definiu no pleno municipal deste xoves 5 de marzo de 2020 como “conciliación dos intereses dos veciños cos intereses dos propietarios”. É importante lembrar a data e subliñar as palabras de Antonio Deus, porque mostran o pouco ou nada que se avanzou no debate político institucional coruñés na demanda para mitigar na Agra os devastadores efectos para a mobilidade, a saúde física e mental e o que despois empezou a coñecerse como “calidade de vida” do modelo de urbanización especulativa dos anos setenta e oitenta.

A Agra é un barrio invivíbel, e cada vez máis, a medida que avanza o avellentamento da poboación. Xa non é só que sexa o espazo urbano con máis densidade de habitantes do país, ou que asuma a maior parte da emigración estranxeira que chegou á cidade nos últimos vinte anos, e segue chegando, ou que o desleixo municipal permita que bares e cafeterías se vaian apropiando sen disimulo da vía pública, ou que a dobre fila sexa permanente e consentida en rúas centrais, ou, en fin, que nos colaran o teito dun aparcadoiro como nova praza das Cunchiñas. Todo iso vén da mesma incapacidade dos membros progresistas das sucesivas corporacións municipais (houbo excepcións, certo; pero esas voces fóronse apagando) para afrontar unha realidade: non todas as coruñesas e coruñeses somos iguais.  

Enténdase, iguais en dereitos políticos. Porque por riba deses dereitos está o sacro dereito á propiedade, como acertadamente interpreta o portavoz do PP, un partido reaccionario sempre atento a traballar para quen goberna esta cidade (todas as cidades): os intereses particulares duns poucos que, amparados no sacro dereito á propiedade, deciden como se executa o ben común… o que fan pasar por ben común, como ese teito do aparcadoiro que papou unha praza e agora nos devolven convertido en praza. 

Mentres non rache esa entente cordiale, esa ilusión de que unha democracia representativa, o produto agregado de decisións soberanas de suxeitos libres e iguais, goberna a cidade, non hai nada que roer. Porque as institucións, como as leis ben asentadas no piar do dereito á propiedade, están de parte deles. E por iso, as palabras do portavoz do PP son as que mellor definen o ton do debate esta mañá no pleno ao redor de que facer cos terreos lindeiros do Observatorio, o lugar elixido (porque non hai outro) para facer un parque para as veciñas e veciños dun barrio que asfixia. Están elas, veciñas e veciños, dun lado, non importa cantos son, se son máis vidas, máis soños, máis inxustizas… e están eles, os propietarios, os donos do solo, os que teñen os cartos para mercar e especular (ese modelo que non mudou) e para colocar adeptos reaccionarios nas institucións co fin de garantir que as cousas non muden.

A data é importante porque estamos entrando na segunda década do século e algunha xente que chantou as árbores que deron pé á vella praza das Cunchiñas e despois soñaron cun parque, aínda que fose medio parque, xa marcharon, coas inxustizas ás costas, e hai quince, vinte, vinte e cinco anos que a xente vén pedindo un espazo para respirar neste barrio que asfixia, e cada vez máis porque os folgos voan, como as promesas. As promesas de todos eles, as fotos, as visitas con foto, as mocións, as iniciativas parlamentarias (porque de todo houbo), as boas intencións, as mellores intencións en prol do ben común que deciden outros… E así chegamos a 2020. E nada. Nin parque nin plan nin perspectivas…

A vida segue igual na Agra.

Están elas, veciñas e veciños, dun lado, non importa cantos son, se son máis vidas, máis soños, máis inxustizas… e están eles, os propietarios, os donos do solo, os que teñen os cartos para mercar e especular (ese modelo que non mudou) e para colocar adeptos reaccionarios nas institucións co fin de garantir que as cousas non muden.

O plan Villoslada 2020

O pasado 14 de febreiro, membros da asociación veciñal do barrio reuníronse con Juan Díaz Villoslada (PSOE), concelleiro responsábel do urbanismo e de dar continuidade a un proxecto avanzado polo seu antecesor, Xiao Varela (Marea Atlántica), para “conciliar” a demanda da veciñanza coas esixencias dunha sentencia de 2015 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG ) que anulaba o plan xeral de 2013 (goberno do PP en maioría absoluta) devolvendo os dereitos de edificabilidade a un parcela propiedade dun parente de Amancio Ortega. Villoslada informou á delegación veciñal das liñas xerais do proxecto que o goberno de Inés Rey presentaría no pleno de hoxe para seguir avanzando cara a construción dun parque para o barrio.

Días despois desa reunión, María Gutiérrez declaraba a EntreNós que as veciñas non estaban “conformes” coa solución que ofrecera Villoslada. “Parece que o goberno socialista está disposto a rebaixar algo a edificabilidade, digamos que sería reducila nos edificios da parte alta do futuro parque e aumentala nos da parte baixa; mais, en calquera caso, manterán que se poidan facer edificios na zona, o que diminúe considerabelmente na nosa opinión a superficie real do futuro parque. Pedímoslle a Villoslada que considerasen a opción de pagar por esa edificabilidade, pero insistiu moito en que iso é inviábel porque custaría 15 millóns de euros. A nós tampouco nos parece que sexan tanto cartos se temos en conta outros desembolsos que tivo que facer o Concello da Coruña noutros asuntos urbanísticos, sen ir moi atrás, a mesma reforma da Mariña. Ademais, non entendemos moi ben por que agora son 15 millóns cando no proxecto da Marea Atlántica o cálculo eran moitos menos.”

Debate pleno municipal sobre o Parque da Agra. 05.03.2020 (1)"Escoitar ás veciñas", di a Marea Atlántica

O proxecto da Marea consistía nunha modificación puntual do PXOM 2013 no “polígono M22”, a denominación técnico-administrativa da zona afectada, para asumir a sentenza de 2015 do TSXG e introducir modificacións no proceso de avaliación ambiental. Segundo volveu explicar hoxe Xiao Varela, agora desde a bancada da oposición, “nós tratamos de escoitar ás veciñas e veciños, as alegacións foron unha oportunidade para iso, o noso documento contiña alternativas, era un documento de arranque”. “Non coñezo esa figura urbanística, señor Varela”, contestou Villoslada, e despois lanzouse ao pescozo da Marea Atlántica e da asociación veciña, aquí, por suxeito interposto, as representantes do BNG que defenderon a solución proposta polas veciñas.

Entre o 4 de xuño de 2019 –a Marea Atlántica xa perdera o goberno municipal e estaba, xunto co BNG, negociando un acordo cos socialistas para a investidura de Inés Rey– e o 5 de agosto, o informe presentado polo Concello da Coruña para a modificación puntual do PXOM no ámbito do polígono M22 estivo a exposición pública na web da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda [ver aquí]. 

A edificabilidade contemplada para o polígono M22 non só supón a última oportunidade de osixenar o barrio cun espazo verde o máis amplo posible, senón que suporía aumentar inda máis a densidade de poboación”, quéixaronse as veciñas.

As veciñas e veciños da asociación presentaron as súas alegacións e esforzáronse por difundir os seus argumentos. Nun documento distribuído aos medios, empezaban por lembrar as condicións do barrio (cunha densidade dez veces superior á da cidade) e situaban a súa demanda no contexto de equipamentos verdes da contorna: “Teñamos en conta que a superficie que delimita esta modificación puntual do PXOM é de case 24.000 metros cadrados, 2,4 hectáreas –algo máis de dúas veces a praza de María Pita–; mentres que o Parque do Vioño, por exemplo, ronda os 39.000 metros cadrados; xa que logo, inda que toda a superficie do polígono fose cualificada como zona verde tampouco sería algo desmesurado nin moito menos”.

E advertían: “A edificabilidade contemplada para o polígono M22 non só supón a última oportunidade de osixenar o barrio cun espazo verde o máis amplo posible, senón que suporía aumentar inda máis a densidade de poboación.”

Esa valoración do informe municipal remataba precisando unha solución para desenvolver o parque: “Coidamos que deberían esgotarse todos os mecanismos factibles para rebaixar a edificabilidade do polígono antes de desenvolver este solo urbano non consolidado. Enténdese que estes mecanismos poden ir dende a negociación entre as diferentes administracións propietarias de solo no polígono para a anulación da edificabilidade que lles corresponde, á busca de permutas de edificabilidade noutras partes do termo municipal ou á compra de edificabilidade por parte da administración pública”.

Debate pleno municipal sobre o Parque da Agra. 05.03.2020 (1)Estala Villoslada

Imposíbel, di Villoslada. Non hai cartos, repiten desde o goberno socialista. A Marea apenas entra na cuestión no debate plenario deste xoves. A Marea ataca o plan Villoslada por vir con todo resolto, “non se están a responder as alegacións”, di Xiao Varela, e insiste: “onde están as alternativas no seu documento? Cales son?”. O BNG, a súa voceira neste asunto, Avia Veira, reafírmase nos argumentos das veciñas. “Hai que comprar edificabilidade, pagar por eses dereitos. Non me diga que non hai cartos. Para outros pagamentos si os hai. E non me diga que é o mesmo pagar por unha desfeita urbanística que pagar para que un barrio teña a única zona verde que pode ter”. Veira lembroulle a Villoslada que nos acordos de investidura o BNG asinou cos socialistas un compromiso nesta cuestión.

Entón estalou Villoslada. Leulle á nacionalista o contido literal daquel pacto do pasado verán. “Non se di nada de edificabilidade, fálase de estudar posibilidades e iso é o que estamos a facer”. Despois revolveuse contra o outro apoio do goberno de Inés Rey, a Marea Atlántica. “Con demagoxia non se constrúe unha cidade. Vostedes non son fiábeis porque están ao albor dos relatos e non baixan á terra. Para construír unha cidade hai que pisar a terra”. Villoslada lanzou tamén unha mensaxe á asociación veciñal a través dun reproche ao BNG: “os relatos creados por uns poucos non son os relatos do común da veciñanza”. Finalmente, o concelleiro de urbanismo, repartiu para todos: “Témome que o escenario pre-electoral está a influír neste debate”.

A demagoxia e o relato creado por uns poucos condena ao barrio da Agra a ter que volver esperar, non sabemos se serán anos”, advirte o concelleiro de urbanismo.

En termos políticos (de política institucional) o asunto do parque da Agra abre a primeira fenda na coordinación do goberno socialista en minoría cos seus apoios desde a esquerda. A Marea Atlántica e o BNG votaron en contra do plan Villoslada, que debía tramitarse a partir dunha maioría absoluta. O PP abstívose. E a portavoz de C’s apenas abriu a boca e votou a favor. Resultado: o plan foi rexeitado.
 
Fose por electoralismo ou porque a esquerda real ten a vontade de rachar coa entente cordiale, aínda que case nunca a exprese, os votos negativos da Marea e do Bloque sitúan á política urbanística do PSOE coruñés onde sempre estivo: do lado dos intereses dos especuladores privados. Apenas se discutían uns metros, uns cantos pisos, no fondo do debate está presente esa cuestión que puxera sobre a mesa o voceiro do PP: ou ben común ou propiedade privada. Son conciliábeis?

Mais esta é outra cuestión que está detrás de moitas dos asuntos que pretende abordar esta ÁREA DE ASUNTOS ESQUECIDOS

Debate pleno municipal sobre o Parque da Agra. 05.03.2020 (3)“Estamos contentas”, din as veciñas

Agora o foco mediático está no barrio da Agra. As veciñas non se renden. Está mañá protestaron antes do pleno, asistiron ao debate, e volveron protestar despois do pleno. Desta volta, a través do medios:

“Desde a Asociación Veciñal da Agra estamos contentas co que pasou hoxe no pleno”, di María Gutiérrez a este diario, “por unha lado porque temos a esperanza de que algún día a Agra dispoña dun parque, porque se tivera saído adiante a proposta de Villoslada, o que teriamos sería unha urbanización; e unha urbanización con algo de zona verde non é un parque para a Agra. Por outra banda, pensamos que este caso pode sentar un precedente nos usos e costumes do urbanismo municipal. Pensamos que se debe escoitar á veciñanza. Hai que facer un urbanismo para a xente. Xa está ben de tanto ‘pelotazo’ e de darlle a ganancia a uns promotores”.

A vida segue igual para a maioría de veciñas e veciños, mais a asociación veciñal acumula argumentos e apoios mesmo nas institucións, onde ás mudanzas no enfoque do debate pásalles o que lles pasa aos plans para o parque, ás veces agroman, pero podes seguir esperando sentado… 

- Preocúpalle á Asociación Veciñal da Agra que o resultado de hoxe veña adiar aínda máis, pode que anos, como pareceu ameazar Villoslada, unha solución para o parque?

- Pensamos que é preferible a posibilidade dun parque no futuro que a imposibilidade inmediata. Lamentabelmente nin a responsabilidade pública nin a evidente desfeita urbanística deste barrio nin os dereitos máis básicos dos máis de 29.000 veciños da Agra inspiraron ou impulsaron esta proposta de modificación do PXOM. É a sentenza sobre o solar das Adoratrices a que marca o ritmo. Hai que executar unha sentenza. Curiosamente a sentenza sobre o edificio de FENOSA puido tomarse con calma e sen depurar responsabilidades, mais semella que non se pode prexudicar a un promotor que precisa unha licenza que non poderá ter ata que se modifique o PXOM, conclúe María Gutiérrez este xoves de volta no barrio.
 

Comentarios
A vida segue igual na Agra