Autoridade portuaria de Vigo
Casares acusa ao presidente do Porto de Vigo de "poñer en risco" os intereses da cidade por "puro partidismo"
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, acusou hoxe ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, de “poñer en risco” os intereses da cidade por “puro partidismo”. Nun duro comunicado, o representante do PSdeG lamentou a estratexia seguida polo mandatario portuario na súa recente viaxe institucional á capital comunitaria. “Na súa visita a Bruxelas, a Autoridade Portuaria e o PP demostraron unha vez máis miopía política e sectarismo”, aseverou.
O malestar do eurodeputado socialista xorde tras constatar que, ao longo desta semana, o presidente da Autoridade Portuaria “nin tan sequera” solicitou reunións con outros grupos políticos no Parlamento Europeo, limitando a súa axenda de contactos a un único eurodeputado do Partido Popular.
Para González Casares, esta actitude denota unha fonda ignorancia sobre como se articulan os acordos no corazón da Unión Europea. “En Europa non existen maiorías absolutas, de aí a importancia de forxar consensos amplos en interese do porto e de Vigo", lembrou o político socialista, quen engadiu de xeito tallante que, para entrevistarse de xeito exclusivo cun compañeiro de filas do PP galego, Botana “ben podía aforrar a viaxe e o gasto ao erario público”.
Un "patrón de conducta" no PPdeG
“A defensa dos intereses de Vigo e de Galicia necesitan do concurso de todas as forzas galegas. Primar o interese partidista sobre o interese de Vigo e de Galicia debilita a consecución de logros e conduce á irrelevancia”.
O eurodeputado do PSdeG enmarcou este episodio dentro dun “patrón de conducta habitual” entre os dirixentes do PPdeG. Segundo denunciou, “falta a primeira vez” que un conselleiro da Xunta de Galicia manteña reunións de traballo con eurodeputados galegos que non pertenzan á súa propia familia política cando viaxan a Bruxelas. Segundo Casares, este xeito de proceder explica o distanciamento entre os vigueses e os populares: “É lóxico que a cidadanía viguesa non confíe no PP: nunca antepoñen a cidade”.
Críticas á Fundación Galicia Europa
Finalmente, González Casares sementou dúbidas sobre o papel que está a desenvolver a Fundación Galicia Europa, o órgano encargado de promover as relacións entre a comunidade autónoma e as institucións europeas.
O eurodeputado socialista criticou que a entidade actúe como unha "comparsa" dos dirixentes do PP galego en lugar de exercer unha representación institucional neutral e efectiva. “Galicia merece unha fundación proactiva na defensa dos seus intereses en Europa, non unha sucursal máis do PP”, concluíu.