BNG | nota de prensa

O BNG alédase de que Inés Rey fose receptiva á nosa proposta e atopase un oco para se reunir con Pedro Sánchez

Sobre o porto, o Goberno Local incorre nun “erro de enfoque”. A cuestión non é quen é titular dos terreos, senón se Concello, Xunta e Estado están dispostos a constituír un Consorcio para pilotar a transformación dos peiraos
O BNG alédase de que Inés Rey fose receptiva á nosa proposta e atopase un oco para se reunir con Pedro Sánchez

A Coruña, a 5 de outubro de 2022. Este luns, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, emprazou a alcaldesa a aproveitar a presenza do presidente do Goberno central e varios ministros na nosa cidade para abordar cuestións chave para o futuro da Coruña.

En declaracións aos medios, a alcaldesa respondeu a esta proposta con críticas ao BNG e ao conxunto da oposición.

Mais finalmente transcendeu que Inés Rey si vai ter un encontro con Pedro Sánchez. “Aledámonos de que ao final a alcaldesa si fose receptiva á nosa proposta e atopase un oco na axenda para se reunir co presidente”, afirma Francisco Jorquera, quen engade: “Agardamos que aproveite a reunión para tratar cuestións tan vitais para a cidade como o futuro da fachada marítima”.

Precisamente avances nesta cuestión foron os que faltaron na cimeira de onte entre o presidente da Xunta e a alcaldesa. Rueda e Rey falaron ao termo do encontro de “importantes acordos”, mais estes, a xuízo de Jorquera, non pasan de ser meras “declaracións de intencións, cando non un repertorio de obras xa en marcha ou reiteradamente anunciadas, mentres observamos ausencias clamorosas. Por exemplo, en materia de vivenda”.

Canto á cuestión do porto, para o BNG o Goberno Local “parte dun erro de enfoque”. “A cuestión”, razoa Jorquera, “non é quen ten de ser o titular dos terreos e canto se está disposto a pagar para se facer coa titularidade. A cuestión é se Concello, Xunta e Goberno Central están dispostos a se involucrar na transformación do porto, participando nun consorcio, e en canto están dispostos a contribuír”.

“Propúxollo a alcaldesa a Alfonso Rueda? Vaillo propoñer a Pedro Sánchez’”?, pregúntase Jorquera, quen insta a alcaldesa a que na reunión de hoxe co presidente do Goberno central coloque a cuestión da condonación da débeda do porto ou a adopción dunha fórmula alternativa: “Por exemplo, que o Estado contribúa á transformación da fachada marítima por unha cantidade equivalente á débeda contraída polo Porto da Coruña con Portos do Estado”. “Isto é o que agardamos da reunión de hoxe”, remarca o noso voceiro.

O BNG alédase de que Inés Rey fose receptiva á nosa proposta e atopase un oco para se reunir con Pedro Sánchez