BNG | nota de prensa

O BNG defenderá no pleno do xoves unha moción ante a inminente desaparición do escudo social fronte aos desafiuzamentos

A concelleira do BNG Avia Veira vai defender no Pleno deste xoves 7-O unha moción co propósito de que desde as distintas administracións –estatal, autonómica, local- se articulen medidas ante a inminente desaparición do chamado escudo social que até o de agora viña impedindo a práctica de desafiuzamentos en caso de persoas en situación de vulnerabilidade social.
O BNG defenderá no pleno do xoves unha moción ante a inminente desaparición do escudo social fronte aos desafiuzamentos

“O 31 de outubro vence o prazo de vixencia das medidas para evitar os desafiuzamentos, o que se dá en chamar o escudo social”, remarca Avia Veira. “Este, non o podemos esquecer, non foi máis que un parche porque o problema que temos diante de nós é que non existe unha política de vivenda digna de tal nome nin desde o Estado español nin desde a Xunta de Galiza nin apenas tampouco desde o Concello da Coruña”, alega.

Esa inexistencia de política de vivenda fai que na práctica non se garanta a satisfacción do dereito cidadá a unha morada digna e a prezos asequíbeis, sen dúbida un dos maiores problemas que enfrontamos como sociedade. “Que se fai desde o ámbito público perante o encarecemento do prezo das vivendas, un fenómeno que se produce en paralelo á diminución do poder adquisitivo de salarios e pensións? Pois moi pouco ou nada?”, di Veira.

A situación preocupa e moito o BNG, pois “a partir do 31 de outubro vanse retomar nos xulgados os desafiuzamentos paralizados no seu día nos casos de vulnerabilidade social”. “E o peor é que desde marzo de 2019 apenas se puxeron en andamento políticas para afrontar o problema da vivenda unha vez que desapareza o escudo social”, sinala.

É por todo isto que o BNG leva ao Pleno deste xoves unha moción para que “desde o Estado, a Xunta e o Concello nos poñamos a traballar en serio” con vistas a unha profunda mudanza das políticas nesta materia, con propostas como a ampliación do parque público de vivendas, o asesoramento a persoas que andan na procura de moradas para evitaren que sexan vítimas de abusos ou a transferencia dos activos da SAREB ás administracións públicas por seren vivendas resgatadas con diñeiro público e que, por tanto, agora teñen que servir o interese social.

O BNG defenderá no pleno do xoves unha moción ante a inminente desaparición do escudo social fronte aos desafiuzamentos