Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama melloras de mobilidade, atención sanitaria e actividades de lecer no barrio de Novo Mesoiro

O barrio máis novo da Coruña, fogar de 7.500 persoas, precisa unha nova liña de bus para estar conectado centros educativos da zona
A Marea Atlántica reclama melloras de mobilidade, atención sanitaria e actividades de lecer no barrio de Novo Mesoiro
SGR_novo_mesoiro_Z7F0012
SGR_novo_mesoiro_Z7F0012

No último pleno aprobouse a moción de Marea Atlántica para que o Concello deixe de traballar con entidades bancarias que pechen oficinas na cidade e deixen sen servizo a barrios coma Novo Mesoiro, Feáns ou O Castrillón

As concelleiras da Marea Atlántica Claudia Delso e Alberto Lema mantiveron unha xuntanza esta semana coa Asociación Veciñal de Novo Mesoiro para recoller as súas demandas e coñecer as necesidades do barrio. Así, reclamamos melloras na mobilidade, na atención sanitaria e na programación de actividades culturais e de ocio. 

Hai tempo que a veciñanza demanda unha liña de bus para conectarse cos centros de ensino secundario de Elviña e Monelos. Novo Mesoiro é o barrio coa menor idade media da Coruña, un total de 7.500 persoas teñen nel o seu fogar, das que aproximadamente 2.000 teñen menos de 14 anos. Conta cun colexio inaugurado pola Xunta no curso pasado tras unha enorme demora, e non sen problemas, pero non dispón de instituto, polo que o alumnado ten que desprazarse aos máis próximos. 

“Nestes momentos, a liña principal que da servizo ao barrio é a 21, que se satura habitualmente ata o punto de ter que deixar persoas en terra. Non é operativa”, denuncia Claudia Delso. A comezos do mandato, Inés Rey prometeu estudar unha nova conexión, pero máis de dous anos despois segue “en estudo”, e vistas as últimas declaracións do goberno local, non se agardan melloras. 

A mobilidade no barrio tamén se beneficiaría de medidas que fagan cumprir o límite de velocidade da zona 30 nas rúas principais, e da instalación dunha estación de Bicicoruña que ofreza alternativas. 

Un centro de saúde sempre curto de pediatras

Outra persistente e inexplicable carencia do barrio está na atención sanitaria. Para o barrio con maior taxa de natalidade da Coruña, o Sergas só conta con dous pediatras no centro de saúde (e antes de 2017 era só un), que non teñen quen lles cubra as vacacións. A isto súmase a total carencia de atención primaria en horario de tarde, e os problemas derivados da falta de citas presenciais que están a afectar a toda a sanidade pública, como xa temos denunciado nestes meses.  

Sen espazos TEU nin biblioteca

Doutra banda, os espazos cidadáns TEU da rúa Ribeira Sacra continúan pechados e sen actividade, polo que lle pedimos ao goberno local que os reactive, ao igual que está a facer con outros servizos unha vez pasado o peor da pandemia de COVID-19. 

Claudia Delso lembra que un dos dous locais TEU de Novo Mesoiro “foi deseñado non só para que a veciñanza poida reservalo a vontade, senón para ter unha oferta de actividades, cursos e charlas especialmente destinados á mocidade, pero esta liña de traballo está completamente paralizada desde que goberno o PSOE. Teñen que recapacitar e recuperala”. 

Cómpre sinalar, ademais, que o punto de lectura instalado no centro cívico do barrio durante o pasado mandato segue a funcionar, pero está a quedar curto para atender as necesidades da veciñanza. Reclamamos que se cumpra o acordo que o goberno asinou coa Marea Atlántica nos Orzamentos 2020, para crear unha biblioteca municipal en Novo Mesoiro. 

A piques de perder todas as oficinas bancarias

No último Pleno, ademais, saíu aprobada unha moción da Marea Atlántica para denunciar o inminente peche da última oficina bancaria que queda en Novo Mesoiro, do Banco Sabadell, e que tamén dá servizo a Mesoiro Vello, Feáns e a Urbanización Breogán. O goberno local non pode quedar de brazos cruzados mentres os barrios perden servizos. 

Ademais, trasladaremos á Deputación Provincial unha demanda da AVV: a instalación de beirarrúas nunha estrada da súa competencia, a DP0512, que enlaza directamente con Feáns e ten graves carencia de seguridade viaria para a mobilidade peonil.

A Marea Atlántica reclama melloras de mobilidade, atención sanitaria e actividades de lecer no barrio de Novo Mesoiro