BNG | nota de prensa

BNG: lembra o goberno local que no castelo de San Antón hai un museo arqueolóxico e histórico de titularidade municipal?

Jorquera denuncia que desde setembro de 2017 carece de director/a e que tampouco ten nin arqueólogo/a nin conservador/a nin documentalista

BNG: lembra o goberno local que no castelo de San Antón hai un museo arqueolóxico e histórico de titularidade municipal?

O BNG suxire que a Casa da Veeduría, unha vez rehabilitada, acolla os restos arqueolóxicos recentemente aparecidos na Cidade Vella

A Coruña, a 28 de xaneiro de 2022. O Castelo de San Antón acolle un museo arqueolóxico e histórico de titularidade municipal, mais este centro carece desde 2017 de director/a e tampouco ten nin arqueólogo/a nin conservador/a nin documentalista.

Así o denuncia o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen por tal motivo vai formular unha pregunta oral ao Executivo coruñés no Pleno que a Corporación irá realizar o vindeiro xoves 3 de febreiro.

“Lembra o Goberno Local que no Castelo de San Antón hai un museo arqueolóxico e histórico de titularidade municipal?”, así, dese xeito irónico, reza a cuestión que a formación nacionalista vai encamiñar ao gabinete presidido por Inés Rey.

Todo o traballo que se realiza no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón descansa no “labor incansábel” dunha técnica que “dese logo merece todo o noso recoñecemento”, remarca Jorquera, quen insta o Goberno Local a que diga “se vai facer algo para resolver esta situación e que plans ten a respecto do museo”.

E hai moito por facer, sendo que A Coruña acolle restos arqueolóxicos de enorme valor. “Temos a sorte de contar en Elviña cun dos principais expoñentes da cultura castrexa do noso país. E a iso haille que sumar recentes achados como a aparición de pegadas da época prerromana na Cidade Vella”, di o voceiro nacionalista.

Auténticas xoias que agardan para seren catalogadas, estudadas e perfectamente custodiadas. Mais, porén, “carecemos dos medios para a posta en valor de todo este patrimonio”, laméntase Jorquera.

Expertos apuntan a que esta situación obriga a repensar a estratexia museística e alegan que talvez o Castelo de San Antón non sexa o mellor lugar para albergar os achados arqueolóxicos. “É un edificio con moita humidade, cun espazo reducido e unha configuración pouco apropiada para un museo desas características, dada a súa condición de antiga fortaleza militar e prisión”, razoa Jorquera.

É por iso que se debería estudar a hipótese de facer do Castelo de San Antón un museo histórico vencellado á propia historia da fortaleza e á súa relación co pasado da nosa cidade, “e pensar noutras ubicacións para a conservación, catalogación e exhibición dos restos arqueolóxicos”

Nese sentido, suxire o BNG que sexa a Casa da Veeduría, unha vez rehabilitada, o edificio que acolla, para o seu correcto armacenamento e exhibición, os restos arqueolóxicos que apareceron na Cidade Vella.

BNG: lembra o goberno local que no castelo de San Antón hai un museo arqueolóxico e histórico de titularidade municipal?