BNG | nota de prensa

O BNG pídelle ao Goberno Local que esixa á Compañía de Tranvías o reforzo das liñas de bus ao campus de Elviña

A concelleira do BNG Avia Veira compareceu este xoves ante os medios no campus de Elviña, acompañada por membros de Galiza Nova, para demandarlle ao Goberno Local que reforce as liñas do bus que emprega a mocidade universitaria.

O BNG pídelle ao Goberno Local que esixa á Compañía de Tranvías o reforzo das liñas de bus ao campus de Elviña
Avia e Galiza Nova marquesiña campus de Elviña
Avia e Galiza Nova marquesiña campus de Elviña

A Coruña, a 3 de novembro de 2022. “As liñas están absolutamente saturadas. Hai retrasos na 3A e no 7 e no 21 o colapso é total. O titular do servizo é o Concello, así que o Goberno Local tenlle que esixir á Compañía de Tranvías que reforce un servizo que é moi beneficioso en termos económicos para a concesionaria e que, porén, non responde ás necesidades do alumnado”, sinalou Avia Veira.

Trátase de liñas moi empregadas pola mocidade, “unha mocidade moi concienciada que ve no transporte público unha forma de paliar os efectos das alteracións climáticas. Por tanto, merece un transporte público digno e de calidade. A Compañía de Tranvías non oferta servizos acordes á demanda que teñen”, remarcou a nosa concelleira.

O ano pasado, o BNG xa denunciou a situación de colapso dos buses universitarios. “Fixémolo en plena pandemia, cando era preciso que se respectasen as distancias de seguranza entre as e os usuarios. Daquela fora imposíbel. Pois ben, continuamos nas mesmas, continuamos coa saturación. A mocidade volve ir como sardiñas en lata”.

Unha vez que bonificas o billete universitario, o lóxico é reforzar o servizo porque naturalmente vas ter máis demanda. Iso non se está a facer, denuncia Avia Veira. “Se ti produces un efecto chamada, tes que responder ofrecendo un mellor servizo. Polo tanto, é unha cuestión de lóxica e de que o Goberno Local sexa capaz de poñerse de lado da cidadanía e non da Compañía de Tranvías”. O problema, argúe Veira, é que “o Goberno Local sempre está ao que diga a Compañía de Tranvías e non a dar satisfacción ás necesidades reais da xente”.

Por súa parte, o militante de Galiza Nova Nacho Siota denunciou o que cualificou como “desleixo” da Compañía de Tranvías “en moitas importantes”. “Cando se pecha o tránsito rodado en Santo André”, referiu, “non se dá cobertura de transporte público, o cal é un problema para persoas con mobilidade reducida. É algo lamentábel porque moitas das liñas veñen de barrios populares como Os Mallos ou a Agra do Orzán”.

Criticou tamén que as respostas que a Compañía de Tranvías dá nas redes sociais ás críticas formuladas pola veciñanza “deixan moito que desexar”.

Comentarios
O BNG pídelle ao Goberno Local que esixa á Compañía de Tranvías o reforzo das liñas de bus ao campus de Elviña