A Coruña

O Concello inicia os traballos para a restauración do “Monumento a Luís Seoane”

A escultura, que data do 1984, é obra do artista Xosé Castiñeiras e será restaurada pola empresa Maximino Seoane
O Concello inicia os traballos para a restauración do “Monumento a Luís Seoane”
Monumento a Luis Seoane
Monumento a Luis Seoane

O Concello dou comezo aos traballos para a restauración do monumento a Luís Seoane, situado na praza homónima dedicada ao artista. Esta restauración súmase ás xa executadas polo Goberno de Inés Rey de rehabilitación e conservación do patrimonio histórico-cultural da cidade, como a recente intervención no mural da canteira de Leopoldo Nóvoa ou a restauración do conxunto escultórico "Ártabros" de Arturo Andrade e a "Gran Guitarra" de Pablo Serrano na contorna do parque escultórico da Torre de Hércules.

Esta mesma semana, a través do servizo de infraestruturas, iniciáronse os traballos en taller para a restauración do monumento tras a avaliación e estudo de campo realizados previamente co obxectivo de avaliar o estado da obra, factores de deterioro e patoloxías presentes nesta. Este estudo permitiu detectar pequenos danos nos metais a causa da humidade, que deron lugar ao desgaste e a corrosión dos materiais metálicos utilizados na estrutura.

As actuacións máis significativas consistirán na retirada de elementos oxidados de ferro por outros de aceiro ao carbono, así como a reposición daqueles moi danados ou irreparables por pezas de similares características respectando a estética da obra e a integridade do proxecto artístico. A restauración será levada a cabo pola empresa Maximino Seoane, especializada en mantemento integral de elementos metálicos. 

Coa restauración do monumento a Luis Seoane, o Goberno de Inés Rey da continuidade á restitución do conxunto escultórico de Castiñeiras iniciada durante este mandato coa reubicación do monumento aos Liberais na praza das Conchiñas ou a recuperación da peza "Os paseantes" na recente remodelación da rúa San Leopoldo.

O Concello inicia os traballos para a restauración do “Monumento a Luís Seoane”