BNG | nota de prensa

O BNG pregúntalle ao goberno local polo custo total do encontro da Selección Española de fútbol en Riazor

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou unha pregunta por escrito para saber canto lle vai custar ao Concello ser a sede dun encontro da selección española masculina de fútbol.

O BNG pregúntalle ao goberno local polo custo total do encontro da Selección Española de fútbol en Riazor

A Coruña, a 25 de xaneiro de 2022. O voceiro nacionalista inquire o Goberno Local que xestións ten feito para procurar parceiros privados ou públicos que permitan amortecer o impacto para a Facenda Local do custo de organización do evento, que ascende no mínimo a 360 mil euros (os 300 mil do canon máis o IVE). Hai,  porén, outros gastos adicionais non determinados que o BNG demanda agora que se cuantifiquen.

Jorquera desexa tamén saber que retorno en termos económicos e de promoción da cidade agarda obter o Goberno Local da organización deste evento, un España-Islandia axendado para o 29 de marzo.

No texto desta iniciativa, o voceiro nacionalista sinala que “aínda que o diñeiro para sufragar” a realización deste encontro internacional “formalmente non será a cargo dunha partida do Servizo Municipal de Deportes” (senón da Alcaldía) todo indica que “este vai ser un dos maiores investimentos do Concello no que levamos de mandato en materia deportiva”.

De resto, o portavoz do BNG cuestiona o Goberno Local sobre se ve normal que o total dos ingresos que se recaden (vía publicidade ou venda de billetes) vaian por enteiro á Federación Española de Fútbol.

O BNG pregúntalle ao goberno local polo custo total do encontro da Selección Española de fútbol en Riazor