BNG | nota de prensa

O BNG presenta na Coruña a campaña “Mellor local, mellor galego” e anuncia unha nova lei galega que terá como eixo a aposta polo pequeno e mediano comercio

O pequeno e mediano comercio vertebra a cidade, anima a vida dos barrios, aumenta a sensación de seguridade e cría lazos comunitarios.
O BNG presenta na Coruña a campaña “Mellor local, mellor galego” e anuncia unha nova lei galega que terá como eixo a aposta polo pequeno e mediano comercio
Mercedes Queixas e David Soto
Mercedes Queixas e David Soto

É por iso que o BNG o defende, como se puxo de manifesto este martes durante a presentación da campaña Mellor Local, Mellor Galego. Aposta polo Noso feita nun local dos Mallos, La Revolución de los Graneles, por parte da nosa parlamentar Mercedes Queixas e do noso responsábel local David Soto.

“Queremos facer explícito, máis unha vez, o noso compromiso e apoio ao pequeno e mediano comercio”, afirmou Mercedes Queixas nun breve encontro cos medios.

O pequeno e mediano comercio ten “moitísimos valores” cos que o BNG se identifica. A cercanía. A proximidade. A confianza. “Está a pé de nós, sempre disposto a nos traer produtos de calidade e a o facer cando nos fai falta, como se viu con clareza durante a pandemia. Durante os tempos máis duros, sempre estiveron aí para mirar por nós, para coidar da sociedade”, di Queixas. 

“Non é indiferente sabermos quen está detrás do mostrados. Ese comerciante, que o pode ser ou non, mais que acaba sendo un veciño ou unha veciña máis do noso barrio que se acaba dirixindo a nós polo noso nome”, engade.

O apoio do BNG vaise traducir, anunciou Queixas, na elaboración por parte do noso grupo parlamentar dunha proposición de lei para dotar o noso país dunha “nova Lei de Comercio plenamente galega” que teña como eixo o “apoio ao pequeno e mediano comercio”.

“O modelo alternativo, o baseado nas grandes superficies comerciais, xa vimos que resultados deu. Aquí na Coruña sabemos ben o grave impacto que tivo sobre o pequeno e mediano comercio, mais tamén sobre os barrios da cidade, barrios que en xeral viron degradadas as súas condicións de vida”, alegou Queixas.

Nesa nova Lei Galega de Comercio, avanzou a parlamentar, o BNG pretende “regular” os tempos das rebaixas, cun propósito claro: deixar de lle dar prioridade aos intereses das grandes superficies e atender así as “necesidades” do comercio local.

O BNG presenta na Coruña a campaña “Mellor local, mellor galego” e anuncia unha nova lei galega que terá como eixo a aposta polo pequeno e mediano comercio