Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica presenta alegacións ao proxecto de urbanización de Fariña Ferreño en Eirís-Castrillón

A avaliación ambiental incial parte dunha premisa errónea afirmando que este espazo está rodeado de áreas edificadas cando é unha das poucas zonas verdes que quedan no barrio e forma parte, xunto ao parque de Eirís, dun sistema verde máis amplo 

A Marea Atlántica presenta alegacións ao proxecto de urbanización de Fariña Ferreño en Eirís-Castrillón

Como nas Percebeiras, no Portiño ou na Agra de Santo Amaro, a urbanización Fariña Ferreño responde a unha estimación de crecemento de poboación completamente desproporcionado 

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou onte as alegacións ao Documento Ambiental do Proxecto de Urbanización Fariña Ferreño (Pol H9.11), ante Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. 

O punto de partida do dito informe xa é unha premisa falsa, ao manter que a urbanización se desenvolvería nuns terreos rodeados de áreas xa consolidadas pola edificación, cando en realidade forma parte dun sistema de espazos libres máis amplo e mesmo de hortas que a veciñanza cultiva para o autoconsumo, nun barrio de alta densidade como O Castrillón. 

Como di María García, voceira da Marea Atlántica: “Outra vez estamos ante a teima de saturar os poucos espazos libres que quedan na Coruña con edificabilidades propias doutros tempos. A súa construción responde ás previsións erradas de crecemento da poboación, ás que se cingue PXOM do 2013 pero que nunca se chegaron a cumprir. Nos barrios como O Castrillón vive moita xente, son moi densos, o que precisan é que se ordene o pouco espazo que queda sen edificar para mellorar a calidade de vida da veciñanza. A OMS recomenda un promedio de 15m2 de espazos verdes per capita para manter unha vida saudable, pero na Coruña non chegamos nin a 5m2. Pola contra, temos máis de 20.000 vivendas baleiras que precisan rehabilitación.” 

Un proxecto anacrónico 

As alegacións presentadas pola Marea Atlántica ao documento ambiental do proxecto de urbanización da API R29 afondan no déficit ambiental do proxecto que é contrario aos principios de mitigación e adaptación ao cambio climático, o incumprimento do Decreto 20/2011 (artigo 61 do POL) e dos criterios estratéxicos de desenvolvemento urbano sostible, así como a proposta inxustificada dun aumento de vivendas, como vimos comentando. 

Segundo María García: “Hai xa tempo que a veciñanza demanda máis espazos libres para o esparexemento ao aire libre e a convivencia; máis dende a emerxencia sanitaria da COVID-19. Ten pouco sentido activar estes proxectos que van na liña contraria; agora falamos de Fariña Ferreño pero a situación é semellante no Portiño, na Maestranza, na Agra de Santo Amaro ou no Plan Especial de Labañou coa aberración das Percebeiras”. 

Con todo, a ordenación de Fariña Ferreño pretende asentar un modelo urbanístico caduco e anacrónico, moito máis favorable ao beneficio duns poucos que á cidade e á veciñanza e, manifestamente moi lonxe dos principios dun desenvolvemento urbano sostible.

Comentarios
A Marea Atlántica presenta alegacións ao proxecto de urbanización de Fariña Ferreño en Eirís-Castrillón