Eleccións municipais | BNG

O BNG propón crear a Biblioteca Virtual da cidade

Mercedes Queixas lembra que a política de fomento da lectura que as nacionalistas defenderán no concello terá como eixo un Plan Municipal de Lectura e como un dos seus principais obxectivos “garantir o acceso de toda a veciñanza a servizos bibliotecarios de calidade”.

O BNG propón crear a Biblioteca Virtual da cidade
Mercedes Queixas e Isa Risco
Mercedes Queixas e Isa Risco

A Coruña, 23 de abril.- “Imos garantir o acceso de toda a veciñanza a uns servizos bibliotecarios de calidade, porque consideramos a lectura unha actividade emancipadora e creadora dun espírito crítico na comunidade”, dixo Mercedes Queixas este martes, Día do Libro, na Biblioteca da Sagrada Familia, un centro público de referencia na Coruña, entre outras cousas por ter integrado a diversas culturas que conviven no barrio.

Mercedes Queixas, a número 3 da lista do BNG ás municipais, estivo acompañada por Isabel Risco, a número 6 da candidatura, para anunciar que as nacionalistas incluirán no seu programa a creación da Biblioteca Virtual da cidade.

“Trátase de reunir todos os recursos xa documentados de todas as bibliotecas públicas, incluíndo ás da Universidade da Coruña, que existen na cidade e que teñen un acceso público. Reunir todo ese material nun só catálogo de consulta telemática que permita a calquera veciña ou veciño coñecer de xeito inmediato os títulos á súa disposición na cidade”, explicou Mercedes Queixas, quen enmarcou esta ferramenta na política das nacionalistas de fomentar a lectura desde a accesibilidade a todos os recursos públicos. “O eixo desta política de fomento da lectura será o Plan Municipal de Lectura, que será elaborado coa participación de todos os axentes afectados”, engadiu Queixas, antes de lembrar que a proposta cultural do BNG inclúe a creación dunha Rede de Bibliotecas Públicas da cidade, dunha nova biblioteca en Novo Mesoiro e dunha Biblioteca Central, ademais da recuperación da Festa do Libro.

O BNG propón crear a Biblioteca Virtual da cidade