BNG | nota de prensa

O BNG rexistra unha batería de iniciativas sobre a filmoteca da Galiza, sen dirección desde 2019

A deputada do BNG Mercedes Queixas rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego –interpelación, pregunta por escrito, preguntas orais en Pleno e en Comisión- en relación á Filmoteca da Galiza, antigo Centro Galego de Artes da Imaxe.

O BNG rexistra unha batería de iniciativas sobre a filmoteca da Galiza, sen dirección desde 2019
CGAI
CGAI

A Coruña, a 21 de marzo de 2022.- A Filmoteca, cuxa sede se acha na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, número 10), presenta numerosas deficiencias, entre elas que a praza de director/a estea vacante desde 2019, ben como a súa programación se ten visto interrompida pola demora no proceso de licitación das obras de renovación da cabina de proxección e do patio de butacas, actualmente en andamento as primeiras e pendente de comezo as segundas.

Xa en marzo de 2021 –lembra Queixas na exposición de motivos da interpelación que defenderá no Pleno da cámara- o grupo parlamentar do BNG urxiu a Xunta a activar medidas para impulsar o antigo CGAI.

Entre elas, cubrir a vacante do director/a, mellorar as instalacións e promover a actividade audiovisual e cultural, abrir ao público a biblioteca e a mediateca, preservar o arquivo histórico documental e cinematográfico ou ensanchar o proxecto didáctico.

Todas estas demandas fóronlle trasladadas, en sede parlamentar, ao director do AGADIC, Jacobo Sutil, nesa altura de marzo de 2021. Sutil foi absolutamente vago nas súas respostas e afirmou falsamente que a praza de director/a ía ser cuberta axiña. Non o foi até agora.

Pois ben, a situación continúa basicamente nas mesmas, o que anima agora Queixas a formular esta batería de iniciativas e a, entre outros aspectos, se interesar polas razóns que explican a demora no proceso de licitación das obras da cabina e da sala de proxección.

A deputada nacionalista quere saber tamén por que se cancelou toda a programación da Filmoteca o 6 de outubro de 2021 cando as obras aínda demorarían en se pór en marcha e se se procuraron espazos alternativos de exhibición de filmes para non interromper a actividade normal do centro mentres durasen os traballos de renovación das instalacións.

Por último, Queixas inquire o Goberno Local por que razón non estivo representada a Filmoteca galega na recente xornada profesional realizada no Consello da Cultura Galega “Filmotecas e patrimonio audiovisual”, cando o resto de centros desta condición do Estado español.

O BNG rexistra unha batería de iniciativas sobre a filmoteca da Galiza, sen dirección desde 2019