investimento social a coruña

A esquerda coruñesa acusa ao Goberno local de "incapacidade" por deixar sen executar fondos para colexios, bibliotecas e deportes

Movemento Sumar, Esquerda Unida e Podemos amosan a súa preocupación ante os datos do orzamento de 2025 e esixen explicacións pola falta de investimentos nos barrios.
A esquerda coruñesa acusa ao Goberno local de "incapacidade" por deixar sen executar fondos para colexios, bibliotecas e deportes
Investimento social
Investimento social

A CORUÑA – Movemento Sumar Coruña, Esquerda Unida e Podemos Coruña uniron as súas voces para denunciar publicamente a xestión económica do Goberno local da Coruña. As tres organizacións políticas amosaron unha profunda preocupación tras coñecer as últimas informacións sobre os investimentos orzamentarios municipais correspondentes ao ano 2025. Segundo revelan estes datos, o Executivo municipal deixou sen executar importantes partidas económicas que estaban destinadas de forma directa a piares básicos da cidade como os colexios, as bibliotecas, as instalacións deportivas, as escolas municipais, o programa Lecer e o mantemento dos espazos verdes.

Para as tres formacións de esquerda, resulta especialmente alarmante que recursos que foron previamente aprobados e programados para servizos e equipamentos públicos de primeira necesidade queden gardados nun caixón. Lembran, ademais, que estas carencias afectan de cheo á vida diaria dos veciños e veciñas, especialmente nun momento no que existen necesidades máis que evidentes en numerosos barrios da Coruña que seguen agardando por melloras.

Trinidad Palacios, coordinadora de Movemento Sumar Coruña, foi moi contundente ao analizar o impacto desta falta de acción: “Cando quedan sen executar partidas destinadas ao programa Lecer, ás escolas municipais, ás bibliotecas públicas, ás instalacións deportivas ou ao mantemento dos espazos verdes, o que se evidencia é unha incapacidade para converter os recursos dispoñibles en melloras reais para a cidadanía”, sinalou.

Na mesma liña posicionouse Berta Vigil, membro da colexiada de Esquerda Unida, quen quixo poñer o foco na dispoñibilidade previa deses fondos públicos. “A cuestión non é se había diñeiro, porque o había. A cuestión é por que ese diñeiro non chegou aos servizos e equipamentos que utilizan diariamente milleiros de coruñesas e coruñeses. Esa é a pregunta que o Goberno local debe responder”, exixiu a representante de EU.

Pola súa banda, o voceiro de Podemos Coruña, Aitor Neira, apuntou directamente cara a un fallo estrutural na dirección política do concello. “Se existen necesidades nos barrios, nos centros educativos, nos equipamentos deportivos ou nos servizos municipais e, ao mesmo tempo, quedan recursos sen executar, é evidente que hai un problema de xestión. Un orzamento só ten valor cando se transforma en feitos”, sentenciou Neira.

Finalmente, Movemento Sumar Coruña, Esquerda Unida e Podemos Coruña coincidiron en sinalar que estes datos poñen de manifesto unha "importante distancia" entre a propaganda e os anuncios oficiais realizados polo Goberno local e a súa capacidade real para executar os cartos públicos. As tres organizacións reclaman de cara ao futuro unha maior capacidade de planificación e execución para garantir que os investimentos aprobados non queden en papel mollado, cheguen realmente á veciñanza e sirvan para dignificar os servizos públicos e os barrios da Coruña.

A esquerda coruñesa acusa ao Goberno local de "incapacidade" por deixar sen executar fondos para colexios, bibliotecas e deportes