Economía social

II edición da Feira de Economía Social

O edil Alberto Lema deu a coñecer esta mañá a programación do evento, que se celebra de 11.00 a 21.00 horas na praza de España, e que inclúe charlas sobre o cooperativismo complementadas con actividades lúdicas e un espazo infantil

II edición da Feira de Economía Social
20190502_ALBERTO_LEMA_ (1) 2
Alberto Lema

A Coruña, 2 de maio de 2019.- O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá a segunda edición da Feira de Economía Social, que terá lugar o vindeiro sábado día 4, e na que participarán 15 entidades “para visibilizar e achegar ao gran público unha maneira alternativa de entender a economía”. A feira contará cunha zona de exposición no que as diferentes entidades e cooperativas “darán a coñecer os seus produtos e servizos, que abranguen practicamente todos os sectores da economía”, como sinalou o edil, cunha programación paralela para afondar na economía social a través de charlas e mesas de debate, actividades culturais e un espazo infantil de xogos e obradoiros. A cita comeza ás 11.00 horas, na praza de España, e rematará contra as 21.00 horas.

O edil salientou que esta feira, que celebra este ano a súa segunda edición, é unha medida máis no labor de difusión das fórmulas asociativas da economía social que realiza o Goberno local, como poden ser a integración do Concello na rede Eusumo, a posta en marcha de programa educativos vinculados ao coñecemento das cooperativas como Semente e a inclusión de cláusulas sociais na contratación pública ou dunha fórmula nos orzamentos para abrir a posibilidade de financiamento a través dunha cooperativa financeira.

A programación inclúe tres mesas temáticas “nas que se vai debater sobre a situación actual das empresas de economía social, as súas problemáticas e procesos de creación”, como sinalou Lema, que comezarán co coloquio A economía social, unha forma diferente de emprender ás 11.30 horas. Nela participarán Espazo Coop Unión de Cooperativas Galegas, a Asociación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e Plano Pementa Cooperativa de Educación, Creación Artística e Xestión Cultural. A segunda das charlas, que terá lugar ás 12.30 horas, tratará da A economía social con fins sociais e medioambientais e nela intervirán representantes de Mulleres Colleiteiras e de Nosa Enerxía. Por último, xa ás 18.00 horas, celebrarase o coloquio titulado Emprender na economía social, con Eunor, Ítaca Software Libre, AlmaZen de Yoga, I LAB Centro especial de empleo e DezdeDez. Estas charlas estarán complementadas con actividades lúdicas como contacontos (ás 13.30 e ás 17.00 horas) e actuacións musicais a partir das 19.00 horas. Ademais, haberá un espazo de xogos para os nenos e as nenas no que están programados tres obradoiros infantís.

SÁBADO 4 DE MAIO

ESPAZO DE XOGOS

  • 11:00-14:00/16:00-20:00 Bloques Xigantes de Cartón estilo LEGO.

Zona libre de acceso.

  • 11:30 Obradoiro con paus de xeado.
  • 12:30 Obradoiro de creación de moda sustentable "Stencil Textil".
  • 18:30 Obradoiro de saúde integral para toda a familia.

Xogos cognitivos.

Espazo Platea

  • 11:30 Mesa coloquio "A economía social unha forma diferente de emprender". Participan: Espazo Coop Unión de Cooperativas Galegas, AESGAL (Asociación Empresarial de Sociedades Laborales de Galicia) e Plano Pementa Cooperativa de Educación Creación Artistica e Xestion Cultural.
  • 12:30 Exposicións de experiencias "A economía social con fins sociais e medioambientais". Participan: Mulleres Colleiteiras S.C.G e Nosa Enerxia S.C.G.
  • 13:30 Contacontos Pedro Brandariz "Contos e outras andrómenas".
  • 17:00 Contacontos Pablo Pablísimo "Ou paroleiro".
  • 18:00 Exposicións de experiencias "Emprender na economía social". Participan: Euronor S.C.G, Ítaca Software Libre S.C.G, Almazen de yoga S.C.G , I LAB Centro Especial de Empleo S.L e Sociedade Laboral DezdeDez.
  • 19:00 Actuación escénica musical de CE Orquestra Pantasma.
  • 20:00 Peche. Concerto Iria Estevez "Camiños do fado e músicas do mundo".

Descargar Programa

II edición da Feira de Economía Social