Axenda cultural

KATAUTA Performance Danza Contemporánea

A Asociación Cultural Sen Ánimo de Nome volve por segundo ano consecutivo ao MAC Museo de Arte Contemporánea da Coruña co proxecto 1+1 Play Danza Contemporánea que terá lugar o sábado 15 de decembro ás 8 pm.

KATAUTA Performance Danza Contemporánea
Cartel Katauta Performance Danza MAC 15Dic
Cartaz Katauta Performance Danza MAC 15Dic

As súas protagonistas son Patricia Moro (bailarina), Irene Chuliá (bailarina) e Alba Bonal (percusionista). As tres artistas instaladas en Madrid presentan “Katauta”, unha perfomance de Danza Contemporánea creada e ideada polas mesmas artistas. Unha peza onde o baile flamenco casa coa cultura xaponesa e a figura feminina da Geisha.

Producido pola Asociación Cultural Sen Ánimo de Nome dentro do seu proxecto cultural 1+1 Play/A Coruña Artistas en Microresidencia, dentro do programa Cultura de Barrio 2018 da Concellería de Culturas da Coruña. Unha iniciativa que busca dar máis visibilidade á danza contemporánea, e compracer ao público coruñés cunha disciplina chea de contido conceptual.

Desde o século VIII os “ katauta” son preguntas e respostas de diálogos improvisados entre os poetas xaponeses; células que por si soas carecen de significado e necesitan pertencer a un diálogo para cobrar sentido. Este espectáculo de expresión corporal inspírase nos versos haikus e traslada os seus extensos discursos ao mundo do flamenco. Son e movemento convidarán o público a unha viaxe pola imaxinación, a tradición, a autenticidade, o misterio e a maxia que xorde do encontro entre dúas culturas e linguaxes diferentes.

  • ENTRADA DE BALDE
  • Día e hora: sábado 15 de decembro, ás 20:00h.
  • Lugar: MAC. Museo de Arte Contemporáneo. Av. de Arteixo, 171. A Coruña.

 

Sobre Sen Ánimo de Nome

Sen Ánimo de Nome nace en xuño 2015 como asociación cultural sen fin de lucro. Un movemento, un colectivo artístico coa necesidade de axuntar esforzos para producir obra artística. Xeramos proxectos de xestión cultural, exposición de obra propia e doutros artistas, creación de eventos culturais e xestión de talleres relacionados. A intención é de seguir organizando proxectos culturais, sociais e ambientais; empuxar pola difusión dos artistas, dos xestores e asociacións e os seus proxectos; fomentar a arte en terra galega. Interésannos os proxectos culturais colectivos, loitar pola convivencia e abrir  fronteiras, irmandando proxectos culturais nacionais e internacionais.

Patricia Moro (Madrid 1990)

Recibe clases de danza desde moi pequena e comeza a súa formación profesional como bailadora na escola “Amor de Dios” (Madrid). Presentou a súa proposta en diferentes países, como, Italia, Alemaña, Hungría e na actualidade desenvolve diferentes proxectos artísticos persoais.

https://www.instagram.com/patriciia.moro/

Irene Chuliá (Valencia 1981)

Fórmase en danza clásica, española e contemporánea no Conservatorio de Valencia. Tras pisar os escenarios durante anos como bailarina, coreógrafa e actriz afeccionada entra en contacto co flamenco e decide continuar a súa andaina profesional profundando nesta nova linguaxe.

https://www.irenechulia.com/

Alba Bonal (Barcelona 1982)

Titulada en danza española e flamenco pola escola de Carmen Roche en Madrid. É bailarina, coreógrafa, percusionista e profesora en asociacións como Zumbalé e Tumbata ou na agrupación de artistas Livika e Cia Toom Pack, compañía de percusión corporal e de material reciclado.

Sobre 1+1 Play

Sen Ánimo de Nome desenvolveu un programa enfocado en artistas nacionais e internacionais, ofrecéndolles a oportunidade de traballar e colaborar para organizar unha exposición conxunta. É unha experiencia de convivencia, de crecemento persoal e profesional; enfrontar as súas técnicas e filosofías de traballo para crear algo novo. Durante días de intenso traballo os artistas crean obras inéditas de forma dual, conversando entre elas e co espectador. Ademais, os artistas crean un lazo de amizade e traballo que esperemos dure moito tempo e produza novos encontros e proxectos; á fin e ao cabo este é o fin último do 1+1 Play. O traballo finaliza coa inauguración dunha exposición nun espazo cedido.

O 1+1 Play quere crear unha rede de artistas, xestores culturais, espazos e compradores. Servir de plataforma de difusión e de promoción de artistas dentro do ámbito estatal e europeo. Crear pontes duradeiras entre artistas, espazos e xestores culturais de diferentes países.

KATAUTA Performance Danza Contemporánea