Eleccións municipais

Paco Jorquera: “A Coruña necesita a solidez do BNG para ser un modelo a imitar”

No Paraninfo da Universidade da Coruña celebrouse esta tarde a presentación de Francisco Jorquera e Avia Veira como cabezas de lista, o número un e a número dous, do BNG cara as eleccións municipais do próximo mes de maio. Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, acompañou a Veira e Jorquera nun acto no que estiveron arroupadas ademais polas candidatas e candidatos do Bloque en cada unha das localidades da área metropolitana coruñesa.

Paco Jorquera: “A Coruña necesita a solidez do BNG para ser un modelo a imitar”
a11
Presentación das candildaturas do BNG no Paraninfo

“A Coruña necesita a solidez do BNG para ser un modelo a imitar”, sostivo Francisco Jorquera no seu primeiro discurso como aspirante á alcaldía da cidade diante de decenas de militantes e simpatizantes nacionalistas e numerosas asociacións e colectivos sociais coruñeses convidados ao acto.

“A Coruña necesita a solidez do BNG”, reiterou Jorquera, fronte as opcións que insisten en presentar os comicios como unha pugna pechada entre “retornar a un modelo especulativo ou seguir cun modelo insubstancial”. O candidato nacionalista advertiu que “non se constrúe gobernando por imitación” e reflexionou sobre o balance destes últimos tres anos e medio: “A dereita, por desgraza, conseguiu o que quería, que estes catros anos de teórico goberno da cidadanía quedasen en nada, fosen un tempo perdido”.

Paco Jorquera avanzou as liñas do seu programa para construír “una cidade modelo”: advertiu que “o mellor xeito de defender o público e xestionar ben o público cun goberno con pulso, solvente e tenaz”. Propón un proxecto participado por todas, asociacións de veciños, comerciantes, emprendedores, minorías, e colectivos culturais, sociais e deportivos “nun espazo público democratizado” e cun goberno que “saiba escoitar, dialogar e chegar a acordos”.

O líder nacionalista convidou a imaxinar unha Coruña cun transporte público eficaz pensado para articular a comarca metropolitana e comunicar os barrios, os polígonos e a universidade coas localidades da contorna por tren e por mar. Unha Coruña co mar como “a nosa marca de calidade que impulse a economía azul” cun porto sen barreiras e vivo, recuperado para os seus habitantes. “Unha cidade modelo na que a vivenda sexa un dereito e non un obxecto de especulación, e con rúas vivas e seguras, unha cidade inclusiva e igualitaria”, insistiu o candidato.

Avia Veira: “Jorquera ten o liderado, a capacidade de diálogo e a valentía para facer que A Coruña funcione”

Pola súa banda, Avia Veira, que abriu a quenda de discursos, fixo balanzo da labor do BNG durante o actual mandato e incidiu nas cuestións do urbanismo nas que as nacionalistas se mantiveron firmes: “Os terreos públicos non poden servir para especular, senón para solucionar os principais problemas da Coruña”, dixo antes de lembrar que o BNG continuará reclamando “a modificación do PXOM para construír o Parque do Observatorio e a desafectación das veciñas de Elviña do Ofimático que seguen agardando polo prometido”.

A edil nacionalista sinalou que desde 2015 a cidade ten un “goberno que nunca se creu goberno, que está instalado no vitimismo, laiándose por gobernar”. Fronte a iso, Veira ve en Paco Jorquera, o candidato nacionalista á alcaldía “un home dialogante, coas ideas claras para liderar A Coruña con valentía e decisión”, e lembra que no BNG “sabemos que o que a cidade quere e precisa é recuperar a vida dos barrios e modernizalos”.

Ana Pontón: “A do BNG será a candidatura revelación”

A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou á biografía política de Francisco Jorquera para proclamar que é a persoa que A Coruña necesita para liderar o futuro goberno de María Pita tras a cita electoral municipal, un referente político de primeiro nivel que encarna un proxecto sólido e solvente para sacar a cidade da súa parálise e devolverlle o pulso económico, social e cultural que merece.

“Permitídeme que vai directa ao grao: A Coruña precisa un alcalde á altura desta cidade, é Francisco Jorquera é ese alcalde”, salientou Pontón nada máis iniciar a súa intervención no acto de presentación social do cabeza de lista e da número dous da candidatura, Avia Veira.

“E digo máis, se ser alcalde da Coruña consiste en defender os intereses das coruñesas e dos coruñeses desde todos os foros, -Congreso, Senado, Parlamento de Galiza, nas institucións e na rúa-, se consiste en presentar proxectos e propostas a favor desta cidade, se consiste en dar a cara pola veciñanza, Jorquera fai moito tempo que actúa como o que será a partir do 26 de maio de 2019: Un gran alcalde para a cidade da Coruña”, afondou.

Pontón amosou o seu convencemento de que a do BNG será “a candidatura revelación” porque a cidadanía “non vai resignarse a elixir entre a parálise desa nova política que tanto prometeu e tan pouco fixo, nin á volta da dereita dun PP que pensa que A Coruña está para que uns poucos fagan negocio a costa dos intereses da maioría social”.

“Ten solvencia e experiencia política, coñece e quere a esta cidade e ten o aval do traballo feito durante anos a favor dos e das coruñesas. Por iso,  Jorquera será un alcalde capaz, que non se encolle e, ao mesmo tempo, con capacidade de diálogo para sacar adiante os proxectos que necesita esta cidade, con capacidade para integrar e sumar, para suscitar consensos e resolver problemas. Jorquera representa a solvencia dun proxecto político transformador que ten a cabeza e o corazón ben plantados neste país e nesta cidade”, recalcou.

Comentarios
Paco Jorquera: “A Coruña necesita a solidez do BNG para ser un modelo a imitar”