A. V. de Eirís - Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC | nota de prensa

Máis sombras ca luces no anuncio de adxudicación do proxecto para o CHUAC

O pasado venres 16 de xullo, a Xunta fixo pública a proposta de adxudicación da redacción do Proxecto e dirección de obra de ampliación do Vello CHUAC.

Máis sombras ca luces no anuncio de adxudicación do proxecto para o CHUAC
Chuac 05
Chuac 05

A Coruña 25 de xullo de 2021.- A realidade é que, a imaxe virtual da proposta gañadora facilitada pola Xunta á prensa, axústase pouco a realidade xa que:

  • retoca considerablemente a imaxe real dos edificios existentes e do entorno.
  • elimina un dos últimos edificios construídos, que non estaba previsto derrubar.
  • non esboza cales serán os accesos tanto de entrada como de saída ao hospital.
  • non aparecen os aparcadoiros previstos.
  • parece que o número de vivendas afectadas sería superior ao estimado inicialmente que xa era moi elevado.

Todo isto a pesares de que a propia Xunta indica no informe de valoración das propostas presentadas a concurso que se decidiu a localización actual “sempre que se mellorase a accesibilidade e o espazo de aparcamento” e que “isto leva consigo que as propostas teñan afección, pero que esa afección estea contida ao mínimo posible”.

Ante estes feitos, seguimos poñendo de manifesto:

  • Segue sen entenderse en que se traduce a promesa tanto da Xunta como do Concello sobre a “mínima afectación aos residentes da zona”, xa que pola imaxe virtual desta proposta gañadora parece que a expropiación de vivendas vai ser superior ao estimado inicialmente.
  • Para construír os novos edificios do hospital haberá que barrenar (xa fora necesario na anterior ampliación) e probablemente teranse que interromper intervencións cirúrxicas. É unha constante da nosa denuncia a perda de calidade asistencial, os riscos biolóxicos innecesarios para os doentes, vibracións, po, etc. e as dificultades que se engaden no traballo diario dos profesionais da sanidade pública.
  • O sentido común fai pensar que a localización dunha inversión tan importante debería estar baseada en múltiples criterios (sanitarios, técnicos, económicos,...) e, polos datos facilitados ata agora pola Xunta, a elección de ampliar o CHUAC na situación actual redúcese a un problema de tráfico e a que o espazo onde se sitúa actualmente é espectacular.

Por tanto, segundo se reclamou na pasada manifestación do 4 de xullo co apoio da Xunta de Persoal do CHUAC e máis colectivos profesionais e veciñais pedimos:

  • Un Verdadeiro Hospital Novo para a Área da Coruña-Cee (como teñen en Lugo, Santiago e Vigo) que sexa un hospital de futuro, aberto, accesible, preparado e adaptado ante futuras pandemias para evitar que se bloqueen todos os servizos.
  • Que non se esqueza que a maior parte das novas construcións van a ser destinadas a reubicar hospitais e centros xa existentes que desaparecen e a concentrar todos os servizos nun macro-hospital.
  • Non ao peche do Hospital Materno, o Centro Oncolóxico e o Centro de Especialidades do Ventorrillo.

 

Comentarios
Máis sombras ca luces no anuncio de adxudicación do proxecto para o CHUAC