Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica denuncia o total abandono dos centros de día a mans da Xunta de Galicia

O segundo peche dos centros de dia ordenado pola Xunta deixou a milleiros de persoas maiores e dependentes sen alternativa. Varios anciáns faleceron sos nas súas casas, vítimas da soidade e do deterioro físico e cognitivo

A Marea Atlántica denuncia o total abandono dos centros de día a mans da Xunta de Galicia
Centros de Día
Centros de Día
A Coruña, 12 de setembro de 2020.- 
  • Na área sanitaria da Coruña e Cee están pechadas o 55% das prazas 2.625 prazas dispoñibles nestes servizos
  • A Xunta está a desobedecer a normativa estatal, que sinala os centros de día como servizos esenciais. Esiximos que os abra, gardando os axeitados protocolos e medidas sanitarias

María García, voceira municipal da Marea Atlántica, denuncia que a Xunta de Galicia abandonou completamente os centros de día, deixándoos pechados por segunda vez durante a pandemia, “sen ningún tipo de alternativa para os milleiros de persoas maiores e dependentes que precisan coidados”. Como sinala García, “é unha irresponsabilidade gravísima, que está a custar vidas. Hai usuarias que non teñen familiares preto e que precisan da axuda e supervisión profesional, e ao carecer dela están a falecer soas na casa, vítimas do deterioro físico e cognitivo”.

María García mantivo esta semana unha xuntanza con Olga Pedre, da Plataforma de Centros de Día de Galicia, e recolle a súa petición para que “os centros de día sexan considerados servizos esenciais, tal e como sinala a normativa estatal que a Xunta teima en ignorar”. Segundo os datos da plataforma, na área sanitaria da Coruña e Cee están pechadas o 55% das prazas 2.625 prazas dispoñibles en centros de día. Nestes momentos de emerxencia social e sanitaria, 57 instalacións están sen funcionamento.

Gardando as axeitadas medidas sanitarias, deberían poder seguir dando servizo, como mínimo, a aquelas persoas que viven en soidade e non teñen máis opcións. Porén, mesmo é posible ir máis aló e prestar servizos coma o rastrexo de casos de COVID-19 entre as usuarias e as súas familias, a entrega de comida a domicilio ou a axuda no fogar, algo que xa se está a facer noutras comunidades.

Axuda para as pequenas entidades do sector

Ademais, a situación está a ser especialmente grave para as entidades pequenas, que se encargan de centros de día en barrios e localidades onde moitas veces non hai outras alternativas. O prolongado tempo de peche pode levar ao seu peche, e con elas, á desaparición definitiva do servizo. Neste sentido, esiximos que a Xunta de Galicia contemple o apoio necesario para o colectivo, asociacións, autónomos e pemes do sector.

O Concello da Coruña, malia non ter competencias directas na materia, non debera permanecer de brazos cruzados nun asunto tan importante. Solicitámoslle ao goberno municipal que estude o xeito de axudar ás familias afectadas e ás pequenas entidades, ben economicamente, ben a través do reforzo dos servizos sociais.

Comentarios
A Marea Atlántica denuncia o total abandono dos centros de día a mans da Xunta de Galicia