Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica levará ao Pleno o desgoberno nas políticas de limpeza e xestión de residuos

Considera que Inés Rey non cumpre coas expectativas que espertou coas súas promesas electorais
A Marea Atlántica levará ao Pleno o desgoberno nas políticas de limpeza e xestión de residuos
As políticas de redución de residuos e reciclaxe desapareceron neste mandato 

A Coruña, 23 de agosto de 2022.- A Marea Atlántica preguntará no vindeiro Pleno de setembro se, ante o preocupante estado da cidade no relativo á limpeza e a xestión de residuos, están activados todos os medios operativos, cales son as actuacións en prevención de residuos ou cando teñen pensado regularizar a situación de Nostián cun novo contrato, entre outras cuestións relacionadas. 

Son continuas as queixas da veciñanza sobre a falta de limpeza do espazo público, que se está a percibir como un problema crecente, tanto no que respecta ao lixo como aos excrementos de animais ou o abandono de baixos comerciais pechados. É por tanto obrigado que o goberno local ofreza explicacións, sobre todo despois das altas expectativas xeradas durante a campaña electoral. 

“En 2019 un dos eixos da campaña de Inés Rey antes de chegar á alcaldía foi a suciedade nas rúas da Coruña, pero se facemos balance destes catro anos, a situación, cando menos, está moi lonxe de responder ás promesas electorais”, declara a voceira do grupo municipal da Marea Atlántica, María García. “O estancamento nas políticas de xestión de residuos resulta evidente. Sen ir moi lonxe un bo exemplo atopámolo nas listas de agarda de ata tres semanas para a recollida de residuos voluminosos, mesmo no caso de que a xente colabore chamando ao 010”, conclúe García. 

Dubidoso control de calidade e contratos caducados 

Durante o goberno da Marea Atlántica, preparáronse e licitáronse os contratos de limpeza viaria, recollida de lixo e contenerización, que foron adxudicados neste mandato. Os novos contratos amplían os medios e a capacidade do servizo, aínda que a día de hoxe parecen non estar plenamente operativos. Entre outras melloras, nos novos pregos se detalla o control de calidade preciso para avaliar o servizo das concesionarias, e no caso de incumprimentos, establecer penalizacións económicas. 

Segundo María García, “os novos contratos que deixamos listos para adxudicar no anterior mandato inclúen rigorosas medidas para o control de calidade das concesionarias, e que deixan a porta aberta a diversas penalizacións. Pero, está a facerse este seguimento?” 

Por outra banda, os contratos que hai que renovar neste mandato, como o de tratamento de residuos sólidos urbanos e o de mantemento de xardíns e zonas verdes, están caducados dende 2020 e 2021 respectivamente, e con toda probabilidade, non se renovarán antes das vindeiras eleccións. No caso da planta de Nostián, a demora na licitación sitúa ao Concello diante do risco de ter que facer fronte a indemnizacións millonarias. 

Políticas de redución de residuos e reciclaxe, ausentes 

A parálise nas campañas para a redución de residuos e a reciclaxe está a definir este mandato. As grandes ausentes son as novas iniciativas que fomenten a recollida selectiva de materia orgánica de calidade (compostaxe caseira, contedores con chave, etc.) ou os proxectos piloto de recollida porta a porta á hostalería, que están incluídos no contrato en vigor pero sen executar. 

Queda de manifesto que non hai políticas de residuos, nin se executan medidas que non dependen da planta de tratamento.

A Marea Atlántica levará ao Pleno o desgoberno nas políticas de limpeza e xestión de residuos