Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica e o PSOE inician un diálogo bilateral sobre o futuro dos peiraos interiores da Coruña

María García: “Temos diferenzas, e non estamos de acordo coa proposta que lanzou o goberno local, pero queremos falar cara a cara e achegar posturas, como corresponde a dúas forzas con vocación de goberno”

A Marea Atlántica e o PSOE inician un diálogo bilateral sobre o futuro dos peiraos interiores da Coruña
Xuntanza MA y PSOE sobre o porto
Xuntanza MA y PSOE sobre o porto

Non ten sentido que Concello e Xunta pelexen por mercar o que xa é público e cubrir un insignificante 6% da débeda da Autoridade Portuaria: insistimos na condonación e nunha solución global que liquide o escenario de 2004 e inclúa San Diego

A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, mantiveron hoxe unha xuntanza co concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sobre un dos asuntos máis decisivos para o futuro da cidade: a integración dos peiraos interiores. “Trátase da gran transformación urbana pendente na Coruña, e non pode quedar ao capricho dun goberno en minoría. Iniciamos unha serie de encontros bilaterais entre a Marea e o PSOE para tratar de achegar posturas sobre esta e outras cuestións urbanísticas”, explicou García.

Ao remate do encontro, celebrado esta mañá no Pazo de María Pita, a nosa voceira sinalou que “temos diferenzas importantes co Partido Socialista, e non estamos de acordo coa proposta para os peiraos que fixo pública hai unhas semanas: o goberno local anuncia un enorme investimento municipal para mercar o que xa é público, sen que se mova nin un ápice a postura de Puertos del Estado nin se liquide o escenario de 2004. Pero consideramos positivo falar disto cara a cara, como corresponde a dúas forzas con vocación de goberno e con algo que dicir no modelo de cidade. Queremos continuar estas conversas”.

Así, estamos a ver unha carreira entre a Xunta e o Concello para ver quen compra antes os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, que xa son públicos, cun investimento que sería enorme para as arcas municipais pero, como advirte María García, “só cubriría un 6% da débeda da Autoridade Portuaria, unha débeda que hipoteca a toda a cidade, en condicións de usura e á que Puertos del Estado se agarra para facer caixa”.

Preguntámonos, pois, que vai pasar co 94% restante, uns 310 millóns de euros, e que vai suceder cos peiraos de San Diego, sobre os que se está a gardar un silencio atronador. O seu futuro tamén se vai decidir agora, nos convenios que se asinen para substituír aos de 2004 e que deberán incorporarse ao PXOM. E para ese paso é necesaria a maioría no Pleno e, polo tanto, os votos da Marea Atlántica.

María García resumiu a nosa postura: “Reclamamos o mesmo que a veciñanza na rúa, e o que acordaron por unanimidade os plenos deste Concello, da Deputación da Coruña e do Parlamento de Galicia. Pedimos a condonación da débeda, como se fixo en Valencia. Pedimos que o solo quede en mans públicas, que o debate non se secuestre nos despachos, que se gañen espazos abertos e servizos para os barrios, e que non se descoiden os usos produtivos”.

Este é un asunto fundamental para A Coruña, por iso queremos seguir falando co PSOE para tratar de chegar a un entendemento, neste e noutros asuntos como a Maestranza, a Ría do Burgo ou Percebeiras. Queremos falar da cidade no seu conxunto.

Como dixemos ao comezar as negociacións, somos conscientes de que o acordo é complicado, polas diferenzas que existen entre nós e polo historial de incumprimentos. Pero temos a obriga de intentalo para non castigar á Coruña a outro ano sen orzamentos, e menos en plena crise. Manteremos as negociacións mentres o goberno local non nos dea motivos para o contrario.

A Marea Atlántica e o PSOE inician un diálogo bilateral sobre o futuro dos peiraos interiores da Coruña