Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica renova a súa Coordinadora

A Rede, a nosa asemblea, aprobou onte por unanimidade o nomeamento dunha coordinadora de 13 persoas, co reto de preparar á organización para o novo ciclo político
A Marea Atlántica renova a súa Coordinadora
A nova Coordinadora da Marea Atlántica
A nova Coordinadora da Marea Atlántica

Marta Cortacans e Rodrigo Gil asumen a portavocía deste órgano, no que tamén teñen asento a voceira e o vicevoceiro municipais, María García e Iago Martínez

A Rede da Marea Atlántica, a asemblea da nosa organización municipalista, aprobou onte por unanimidade a renovación da Coordinadora a partir dunha candidatura de consenso, composta por 13 persoas, sete mulleres e seis homes cun perfil plural. Esta Coordinadora colle o relevo da anterior tras un proceso de deliberación interna que rematou coa escolla dun equipo equilibrado entre renovación e continuidade, e con persoas que suman experiencia no ámbito institucional, o asociacionismo, sindicalismo, activismo social e cultural, feminismo e ecoloxismo. 

Renóvanse as dúas portavocías da Coordinadora, que pasan a ser asumidas por Marta Cortacans, directora de arte e activa militante feminista na Coruña, e Rodri Gil, educador social e técnico da Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica, que serán tamén responsables de xestionar o diálogo con outras organizacións do noso espazo político e da sociedade civil. Ademais, a voceira e o vicevoceiro do grupo municipal, María García e Iago Martínez, continúan neste órgano e se encargarán da área de traballo institucional. 

Horizonte 2023

Deste xeito, a nosa organización municipalista asume o reto de prepararse para as eleccións municipais de 2023, no marco dun novo ciclo político. Dáselle relevo ao equipo anterior, que tivo que realizar un labor que non podemos agradecer abondo, nun tempo marcado polo confinamento e o impacto da pandemia. 

Agora, a nova Coordinadora chega coa vista posta na vindeira cita electoral, e coa encomenda de abrir os procesos internos de debate, organizar unha Marea Viva —o noso máximo órgano de toma de decisións—, e escoitar á sociedade para deseñar un programa e unha candidatura á altura do que a Coruña precisa nestes momentos. É vontade da Marea Atlántica continuar o traballo que levamos realizando desde 2014 en favor das maiorías sociais da cidade e a súa área metropolitana.

Novas responsabilidades

Para cumprir estes obxectivos, a Coordinadora adapta as prioridades de traballo e realiza un novo reparto de responsabilidades. Así, desde o Horizonte 23 - Marea Viva, que comeza a preparar desde hoxe mesmo coa vista posta nas vindeiras municipais, e para crear os espazos nos que as persoas asinantes do manifesto da Marea Atlántica poidan decidir o programa, a candidatura e a forma na que concorreremos ás eleccións do vindeiro ano. 

Desde Proxecto Cidade manterase o compromiso da Marea cos eixos nos que se sustenta a organización: a feminización da política, a ética dos coidados, a xustiza social e o ecoloxismo. Na mesma liña, reforzarase a área de Barrios, un píar básico para fomentar a participación da veciñanza na política, tendo claro que A Coruña non remata en Méndez Núñez. 

As Voceirías serán as encargadas de representar á organización e ser a súa cara pública, xunto aos cargos electos. E, ademais, serán responsables do traballo de Diálogo, das relacións co tecido asociativo, os movementos socias e outras formacións políticas do noso espazo. 

O eido Institucional coordinará o traballo entre a Marea e as representantes no Concello e na Deputación, mentres que a de Organización ocuparase das tarefas de tesourería, mediación, facilitación, comunicación e outras actividades necesarias no día a día. 

 Os trece nomes da nova Coordinadora

Marta Cortacans: Directora de arte, deseñadora gráfica e militante activa nos movemento feminista e no asociacionismo cultural. Asume a voceiría da Coordinadora. 

Rodrigo Gil: Educador social,  técnico na Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica. Activista contra a exclusión social, especialmente a favor da Renda Básica. Asume a voceiría da Coordinadora.

Carmen Villar: Traballadora do sindicato CCOO na comarca da Coruña. Formou parte do equipo de goberno na Concellería de Xustiza Social e Educación no mandato de Xulio Ferreiro.

César Pena: Activista social implicado no movemento cultural e na defensa da natureza. Concelleiro de Iniciativa Cidadá de Mugardos no pasado mandato. 

Gema Rivera: Enfermeira e xubilada. Sindicalista e comprometida na defensa da sanidade e o  ensino público.

Henrique Lijó: Activista en  Ecoloxistas en Acción e na Marea Atlántica, pola defensa da política da pluralidade, a horizontalidade e a ecoloxía-social.

Beatriz González de Canales: Enfermeira de UCI no CHUAC e membro do Consello de CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña.

Luis Hernández:  Economista e traballador da Administración Pública e vinculado ao activismo polos dereitos sociais e laborais.

Sabela Rivas: Integradora social e educadora infantil. Traballou en servizos sociais e entidades sociosanitarias, militante feminista e traballadora do grupo municipal da Marea Atlántica.

Brais García: Sociólogo e activista con experiencia nos campos da participación, investigación social e políticas públicas. Traballador do grupo provincial da Marea Atlántica. 

Sandra García Rey: Fotógrafa, licenciada en socioloxía e en comunicación audiovisual. Responsable de retratar a Marea Atlántica desde os seus comezos.

María García: Voceira do grupo municipal da Marea Atlántica, técnica en Medio Ambiente,e concelleira de Medio Ambiente no goberno de Xulio Ferreiro. 

Iago Martínez: Vicevoceiro do grupo municipal da Marea Atlántica, xornalista e xefe de Gabinete durante a alcaldía de Xulio Ferreiro.

A Marea Atlántica renova a súa Coordinadora