Festas de María Pita 2022

Pregón oficial de Carolina Iglesias polas Festas de María Pita 2022

Dicir esta frase é todo un soño para min: Boas noites coruñesas e coruñeses! Síntome un pouco Gayoso dicindo este "Boas noites". Despois de dous anos complicados, que emoción estar aquí!
Pregón oficial de Carolina Iglesias polas Festas de María Pita 2022
Pregón
A cómica e guionista coruñesa, oriúnda de Santa Cruz (Oleiros), é a protagonista do premiado podcast 'Estirando el chicle'

É toda unha honra para min ser a pregoeira das festas de María Pita, quero darlle as grazas ao Concello e a todas as persoas implicadas en pensar en min. E tamén as que preferían que dera o pregón outra persoa e dixeron: "Uf, pero esta niña quien es? No es serio". Pues mira neno, aquí estoy y me vas a tener que junar, oístes?

Porque a toda a xente que me mira con prexuízos, para esa xente tamén son as miñas palabras. Porque a xente nova ten moito que dicir, porque vivimos a crise, vivimos a titulitis, a precariedade, tódolos comentarios condescendientes de "pues yo a tu edad ya trabajaba" e o máis importante de todo: asumimos que deixaría de saír a nosa foto na televisión, no Xabarín Club. E aquí seguimos, tirando para diante.

E tampouco quero olvidar a toda a 'Xeración Z', á que a pandemia lle roubou uns dos anos máis clave da vida dun adolescente e aí siguen, loitando e tirando para diante. O que sinto por vós é admiración en moitos sentidos, pola maneira que tedes de vivir tan ceibes, é emocionante e un orgullo que unha xeración tan nova coide tanto a saúde mental e teña tanto autocoñecemento. E igual os xornais, as noticias ou algúns adultos non volo din, así que fareino eu: sodes o futuro e confío en vós.

E iso tamén quería apuntar, a alegría que sinto despois de dous anos, de poder ver esta Praza de María Pita ateigada de xente grazas á responsabilidade dos cidadáns. Xa era hora de volver ás prazas, a xuntarnos e a apertarnos.

Eu sempre que falo á xente de fora de Coruña das festas de aquí pensan que estou de coña, e que aquí na Coruña cando imos de troula, imos con todo e por iso as festas duran un mes. Un mes, unha barbaridade de tempo, que cando acaban aínda penso: "Soubo a pouco". Pero é que nas Festas de María Pita pasan máis cousas que no Coachella.

Un mes cheo de concertos, música, actividades culturais, exposicións, obradoiros, para familias, para xente nova, para xente maior. Concertos en María Pita, a Semana Clásica, a Feira de Artesanía, a Feira do Libro, Viñetas desde o Atlántico, Festival Noroeste, a Batalla Naval, o Festival Manicómicos, teremos maxia, o Festival Independente de Rock Coruñés, o Festival de Electrónica Coruñés, o Certame de Habaneras, a Romaría en Santa Margarida, o Festival Internacional de Folclore... Unha chea de plans gratuítos na cidade.

Ademáis do orgullo que sinto de que na miña cidade existan cousas como o Espazo Interactivo "A diversidade visible", no que dende hoxe e ata o 10 de agosto teremos xogos e actividades en torno á temática LGTBIQ+.

Tedes as datas exactas nas redes sociais do concello e na web e no xornal, porque son moitas e non as ides lembrar, pero podedes sacar algunhas por contexto: Que hai un Spiderman no Obelisco? Son as Viñetas desde o Atlántico. Que hai dous Spiderman no Obelisco? Son as cinco da mañá e igual bebiches licor café de máis.

Non me presentei! Eu son Carolina Iglesias Mosquera, nacín o oito de agosto do ano 1993 no Materno, a miña cara forma parte da Gioconda da Domus e son socia do Xabarín Club.

O meu primeiro ídolo foi Gayoso e grazas ao Luar teño unha cultura do folclore galego moi grande. Gayoso é o primeiro famoso que vin pola rúa, e recordo que máis dunha vez o atopei pola rúa Real ao saír do McDonald's pero nunca lle dixen nada porque me daba vergoña.

Fun unha nena moi vergoñenta, que creceu escoitando temazos no Xabarín Club, que veu series como Son Goku ou Shin Chan en galego, a mellor forma de escoitalas.

Unha nena orgullosa, ademáis, da súa lingua. E que non pode estar máis orgullosa de nacer e crecer nun lugar con lingua propia. Quero aproveitar que teño a tanta xente escoitándome para recordarvos que a nosa responsabilidade ademais é coidala. Pero non só das cidadás e cidadáns da Coruña, senon das institucións, a responsabilidade é vosa tamén. De feito é moito máis vosa a responsabilidade porque vós sodes os que tedes o poder. O galego non se pode perder, é o tesouro máis preciado que temos.

Koruños e koruñas, buá neno! Hoy cuando vaya pal kel creo que voy necesitar dar un rule con mi já, mi chukel y mi purila para pensar en lo que ocurrió hoy, aunque ya te digo que unas buenas garimbas me voy beber.

Xa que estou aquí teño que facer unha cousa que botaba de menos vivindo fora de aquí, sempre consigo que en Madrid canten esta canción, pero penso que aquí será mellor: vivir na Coruña que bonito é.

Levo 11 anos vivindo fora de Galicia e o sentimento non desaparece. Eu estou aquí dando este pregón entendo que polo meu traballo, pero podería estar tamén pola miña carreira como judoka que foi ao torneo Miguelito alí no Coliseum. Igual entre todas vos está a nena que me tumbou en tres segundos. Menos mal que me adiquei a outra cousa finalmente.

O meu primeiro concerto foi de UPA Dance no Coliseum, tamén vin de pequena á Orquesta Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera, vin teatro en Nadal no Fórum Metropolitano.

As miñas primeiras festas foron nos Xardíns e na rúa do Orzán. E despois, cando asumín un pouco máis o que era, esas festas seguiron no Backstage, no Claro Boba ou no Puticlú.

Que as noites máis especiais vivinas en dous locais que pecharon e que boto de menos: a Repichoca e o Cachivache. Sempre me sinto na casa en lugares como a Lagareta, ou na rúa dos Viños. E a mellor noite de San Xoan sempre a vivín en Riazor.

E teño que dicir que agora como adulta aínda non entendo cómo carallo fan co calendario das plantas dos Xardíns de Méndez Núñez. Pero qué bruxería é esta?

A miña primeira actuación na Coruña foi aos 14 anos, no instituto Monelos, representando ao meu instituto nun concurso de monólogos de matemáticas diante de cincuenta persoas; a segunda foi o ano pasado no Palexco diante de mil cincocentas persoas e a terceira foi hai uns meses no Coliseum diante de seis mil. Dende esa primeira vez xa choveu e por moito que pase tempo fora sempre sentirei Galicia e A Coruña como a miña casa, sempre sentirei ese pouco de emoción ao voltar porque sempre voltarei.

É moi emocionante saír da Coruña aos 18 anos e con amigos que podía contar cunha man e volver con 28 anos e ter toda esta plaza ateigada de xente. Non sabedes a de feridas que cura tantísimo amor.

E podería nomear a infinidade de persoas ilustres que naceron na Coruña, unha cidade de artistas. Ou dicir que o sentimento que teño co Depor non cambia esteamos donde esteamos. Igual que cando en 2002 nos pintaron a cara no colexio de branco e azul para celebrar vitorias. E cando falo do Depor falo do feminino e do masculino. Que o meu desexo é que pronto quitemos a etiqueta de "feminino" ao fútbol cando falamos delas, igual que non empreguemos "masculino" cando falamos de eles.

Podería nomear moitas máis cousas, pero non podo marchar de aquí sen recordar a dúas persoas que faltan hoxe.

Un é un compañeiro que fixo moito pola comedia en Galiza, co seu traballo, a súa ilusión e a súa cabeza. Todo un referente para min: Pedro Brandariz. Botámoste de menos.

E tamén quero falar de Samuel, que levamos algo máis dun ano sen el e quero darlles dende aquí todo o meu agarimo á súa familia e amigos, que sei que loitaron para que se faga justiza. E falando de Samuel, teño que recordar que o colectivo LGTB sofre e sufrimos discriminacións e violencia diarias e isto non se pode permitir, necesitamos proteción dende as institucións e sobre todo educación para todos eses cavernícolas que pensan que somos persoas doutra categoría. Merecemos respeto e dignidade. Por el e por outras persoas como Marcela e Elisa, a primeira boda LGTB do país.

Nestas festas pido responsabilidade e empatía, que uns días tan felices non rematen ennegrecidos.

As mulleres queremos chegar á casa solas e bébedas. Queremos ser ceibes, queremos vivir tranquilas e se o que recibes é un NON teño unha noticia para ti amigo, a resposta é NON. Só NON é NON. E se non di que SI, tamén é NON. Tamén haberá puntos violeta para quen necesite información.

Para rematar quero mandarlles ánimo e unha aperta a todos os galegos que tiveron que sair da súa terra para buscar un futuro, sabemos que a terra nunca sae de ti, pero como doe ás veces estar lonxe. E unha mensaxe a tódalas nenas e nenos que se sintan raras e soas no mundo. Sempre acabaredes atopando o voso oco, paciencia, e darédesvos conta de que nese oco hai moitísima xente que tamén se sentía rara e soa.

Grazas a tódala xente da Coruña por vir, aos turistas por confiar na Coruña como o voso sitio de vacacións, á xente que sigue o meu traballo por todo o apoio, estou aquí por vos. Grazas á miña moza e á miña familia por darme alas para crecer e non frearme nunca a creatividade. De novo ao Concello pola confianza, ao meu equipo, a Etiqueta Negra por coidarme tanto e facerme sentir en Galicia sempre que falo con eles.

E ainda que non estiven no Luar nin coñecín a Gayoso, síntome leda de estar aquí convosco e vou recordar este día para sempre.

Viva Galiza, viva A Coruña e forza Dépor!

Pregón oficial de Carolina Iglesias polas Festas de María Pita 2022