BNG | nota de prensa

Reunión do Consello da Memoria Democrática: o BNG denuncia a “falta de impulso” do goberno local nesta materia

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, denunciou a “falta de impulso” do Goberno Local no que ten a ver coas políticas de memoria histórica.
Reunión do Consello da Memoria Democrática: o BNG denuncia a “falta de impulso” do goberno local nesta materia
Consello da Memoria Democrática
Consello da Memoria Democrática

A Coruña, a 17 de novembro de 2021. Fíxoo na súa intervención durante a reunión do Consello da Memoria Democrática, que este mércores 17N volveu á actividade dous anos despois da súa última xuntanza. A razón dunha paréntese tan longa, o nulo interese do Goberno Local na súa convocatoria.

O Consello da Memoria Democrática coñeceu nesta reunión o contido de distintos informes –histórico, histórico artístico e xurídico- sobre a Casa Cornide e sobre a retirada de honras e distincións a alcaldes e personalidades franquistas –este último realizado polo Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide.

“Na reunión, expresamos os nosos parabéns e o noso agradecemento aos autores destes informes polo seu extraordinario rigor”, relata Jorquera, para quen o Concello dispuña desde hai xa moito tempo das ferramentas precisas para iniciar o proceso xudicial que leve á restitución da Casa Cornide ao patrimonio do Concello e para retirar honras e distincións a personalidades franquistas.

“Denunciamos que o Consello da Memoria Democrática levase dous anos sen se reunir. O Goberno Local xustificouno coa pandemia, mais o certo é que desde maio pasado podería terse convocado perfectamente, ao se ter levantado boa parte das restricións. Se non foi así, foi por falta de vontade política”, indica Jorquera.

Canto á Casa Cornide, o voceiro do BNG resalta que o Goberno Local dispón dun informe xurídico desde decembro de 2020, un estudo segundo o cal existe fundamentación máis que suficiente para o Concello levar aos tribunais unha demanda na procura da restitución deste palacete barroco ao patrimonio municipal.

O mesmo cabe dicir da retirada de honras e distincións: desde novembro de 2020 o Concello dispón do informe do Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide.

“No fondo, o que vemos é unha falta de impulso total por parte do Goberno Local en materia de memoria histórica. Esa inacción é a que explica a demora na convocatoria desta Comisión, a non formulación da demanda pola Casa Cornide e a resistencia a retirar xa honras e distincións a personalidades implicadas nun rexime que violou os dereitos humanos máis elementais”, denuncia Jorquera.

Como queira que o Consello da Memoria Democrática é un órgao consultivo, o portavoz nacionalista anunciou que daría traslado destes asuntos ao Pleno do Concello.

“No primeiro Pleno ordinario deste mandato aprobouse unha moción do BNG que instaba o Goberno Local a presentar a demanda para a restitución da Casa Cornide. Logo houbo sucesivas iniciativas nosas tamén en Pleno para emprazar o executivo coruñés a que fose consecuente con ese acordo plenario primixenio. Continuamos esperando”, aduciu Jorquera.

Canto á retirada de honras, o voceiro do BNG volveu denunciar que o Goberno Local ocultou no Pleno do pasado 4 de novembro a existencia do Informe de Estudos Coruñeses José Cornide. “E non só iso, senón que a Comisión da Memoria Democrática non foi convocada até que un medio de comunicación fixo público ese informe”, concluíu Jorquera.

Comentarios
Reunión do Consello da Memoria Democrática: o BNG denuncia a “falta de impulso” do goberno local nesta materia