BNG | nota de prensa

O BNG acusa o goberno municipal de ocultar un informe encargado polo Concello para evitar a retirada de honras a personalidades franquistas

“No último Pleno ocultou a existencia deste informe para xustificar o voto en contra á moción do BNG para a retirada de honras a Sergio Peñamaría de Llano, cando o Concello xa dispuña dun estudo que ía na mesma dirección que a nosa iniciativa”, afirma Jorquera
O BNG acusa o goberno municipal de ocultar un informe encargado polo Concello para evitar a retirada de honras a personalidades franquistas
Jorquera 2
Jorquera no pleno
  • É sintomático que teña que publicarse nun medio a existencia do informe para que por fin, e após múltiples peticións do BNG, se convoque reunión do Consello da Memoria Democrática o 17N, dous anos despois da súa última xuntanza
  • O BNG esixirá ao Goberno Local, no Pleno de decembro, que renda contas sobre este asunto

A Coruña, a 12 de novembro de 2021. Existe un informe, feito polo Instituto José Cornide a instancias do Consello da Memoria Democrática, que pide a retirada de honras a alcaldes e personalidades franquistas –desde Alfonso Molina e Sergio Peñamaría de Llano até Alfonso Molina.

Ese informe está en mans do Goberno Local desde hai un ano e medio, segundo informacións xornalísticas que coñecemos hoxe. A nosa concelleira Avia Veira referiuse á súa existencia nunha interpelación ao Goberno Local no pleno do pasado mes de outubro.

Pois ben, no pleno deste mes de novembro, realizado o pasado xoves 4N, o grupo socialista uniu os seus votos cos do PP para rexeitar unha moción do BNG, defendida polo noso portavoz, Francisco Jorquera, en que se pedía á alcaldesa que puxese en marcha o procedemento para lle retirar as honras a Sergio Peñamaría de Llano.

É máis, o grupo socialista presentoulle unha emenda ao BNG en que se defendía “analizar as diferentes propostas que haxa sobre a posíbel retirada de honras e distincións, en base á Lei de Memoria Histórica, a través dun estudo rigoroso e serio”.

O BNG non aceptou esa emenda porque desnaturalizaba a nosa moción e porque omitía o nome de Sergio Peñamaría de Llano.

Ocorre, ademais, que ese “estudo rigoroso e serio” do que fala a emenda do PSOE xa existe e foi feito polo Instituto José Cornide após acordo unánime do Consello da Memoria Democrática nunha sesión realizada o 27 de novembro de 2019 baixo a presidencia da alcaldesa.

“Aquí hai un problema de evidente falta de vontade política por parte do Goberno Local”, avalía Francisco Jorquera. “Non ten xeito que no último Pleno o concelleiro de Memoria Histórica pida tempo para estudar con rigor o asunto, cando o Concello dispón dun informe moi claro desde hai ano e medio”.

O BNG acusa o Goberno Local de ocultar o informe feito polo Instituto José Cornide para evitar a retirada de honras a personalidades franquistas e xustificar a súa parálise no eido da memoria democrática. Algo que non só acontece neste asunto, senón tamén na necesaria acción perante os tribunais para conseguir a restitución ao patrimonio público da Casa Cornide, unha xoia do barroco coruñés espoliada á veciñanza nunha operación fraudulenta na que tomaron parte Peñamaría de Llano e Pedro Barrié de la Maza.

É sintomático, neste sentido, que teña que publicarse nun medio a existencia dese informe para que por fin se convoque reunión do Consello da Memoria Democrática para o vindeiro 17 de novembro, despois de dous anos sen ser convocado, pese ás peticións reiteradas do BNG.

O Informe do Instituto José Cornide pide que, entre outros, se lle retiren as honras ao magnate Pedro Barrié de la Maza, ao político José Calvo Sotelo, ao presidente da Deputación Diego Delicado, ao presidente do Colexio de Avogados Benito Blanco-Rajoy, ao xeneral Ambrosio Feijoo Padriñas e a aos alcaldes franquistas Sergio Peñamaría de Llano, José Pérez-Ardá e Eduardo Sanjurjo de Carricarte.

De resto, o grupo municipal do BNG anuncia que no Pleno do próximo mes de decembro esixirá ao Goberno Local que renda contas sobre este asunto.

O BNG acusa o goberno municipal de ocultar un informe encargado polo Concello para evitar a retirada de honras a personalidades franquistas