Para apoiar o seu funcionamento e actividades

A Concellería de Participación abre distintas liñas de axuda para as entidades veciñais

Ademais de firmar un convenio coa Federación de Asociacións Veciñais, o departamento de Claudia Delso pon en marcha dúas convocatorias para subvencionar proxectos desenvolvidos ao longo de 2016, e apoiar economicamente ás entidades que non dispoñen dun local municipal cedido. O montante global destas subvencións ascende a 76.000 euros

A Concellería de Participación abre distintas liñas de axuda para as entidades veciñais
entidades veciñais
O convenio foi asinado entre o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña

Fonte: Concello da Coruña | 20/07/2016

A Concellería de Participación e Innovación Democrática vén de abrir novas liñas de axuda para apoiar o funcionamento das entidades veciñais da cidade, ademais das habituais, que esta mañá foron formalizadas nun convenio asinado entre o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña. O importe total é de 76.000 euros. A titular deste departamento do Goberno local, Claudia Delso, explicou que as subvencións a estas entidades "presentan importantes novidades este ano". "A máis relevante é que establecemos dúas liñas e axudas diferenciadas. A primeira delas, seguindo os mesmos criterios das convocatorias anteriores, para subvencionar proxectos e actividades desenvolvidas polas asociacións veciñais. A segunda, de nova convocatoria, dirixida a apoiar economicamente o funcionamento das entidades que non dispoñan dun local municipal cedido", comentou. Ambas as dúas se convocan en réxime de concorrencia competitiva, sendo requisitos imprescindibles que as entidades solicitantes teñan a súa sede no termo municipal e que estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña (REMAC).

A convocatoria destinada a subvencionar actividades desenvolvidas polas asociacións veciñais ao longo deste ano ten un importe de 30.000 euros. "Esta cantidade destinase a financiar programas, proxectos ou actividades culturais de carácter formativo, educativas ou de interese social que favorezan a participación activa da veciñanza na vida da cidade", dixo Delso, que engadiu: "Financiaranse tamén, a través desta convocatoria, programas e metodoloxías de participación cidadá que faciliten a apertura dos procesos participativos nos que poidan tomar parte veciños e veciñas dun barrio concreto ou de todo o municipio". As actividades obxecto deste convenio deben programarse para a súa realización antes do 31 de decembro de 2016. Tamén poden solicitar axudas aquelas que tiveran lugar no primeiro semestre do ano.

Por outro lado, a nova convocatoria de axudas deste ano, dirixida a apoiar economicamente o funcionamento das entidades, ten un montante de 10.000 euros. "A esta liña só poderán acceder, de forma exclusiva, as asociacións veciñais que carezan de local municipal en réxime de cesión gratuíta durante 2016, se ben estas entidades tamén poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas para proxectos e actividades", recordou a responsable municipal. "A intención do Goberno local é lograr un maior equilibrio e unha distribución máis igualitaria das axudas económicas e os recursos municipais postos a disposición do tecido asociativo veciñal", explicou.

Como complemento destas dúas liñas de axudas económicas (que nos próximos días aparecerán publicadas no B.O.P.) o Concello acordou a fomalización dun convenio coa Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, por un global de 36.000 euros, "co obxectivo de incentivar, favorecer, apoiar e impulsar as políticas de participación a través do empoderamento de asociacións veciñais da cidade". "Este convenio redundará en beneficio para todo o tecido asociativo veciñal", explicou a concelleira.

Ao amparo deste convenio, a Federación de Asociacións Veciñais prestará unha serie de servizos, de forma gratuíta, a todas as asociacións veciñais da cidade que os demanden, como o de asesoramento e información permanente sobre temas administrativos, de xestión e de relacións coas administracións, ou a prestación de apoio presencial á cidadanía para a participación individual nos procesos abertos, a través das novas tecnoloxías. A próxima semana, a concelleira terá unha xuntanza informativa coas entidades veciñais e a propia Federación para explicar as novidades das novas convocatorias ás que poden concorrer e do convenio asinado.

A Concellería de Participación abre distintas liñas de axuda para as entidades veciñais