Para orientar ás persoas deste colectivo en temas relativos ás diversidades sexuais, dereitos e igualdade efectiva

O Concello porá en marcha de forma inminente o Servizo de Atención LGTBQI

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, avanza a intención de consolidar e dar continuidade a este espazo o ano que vén, dentro do programa social municipal LGTBQI, e salienta que a iniciativa vén completar o traballo que o Goberno local desenvolve en colaboración con entidades, colectivos e persoas neste ámbito

O Concello porá en marcha de forma inminente o Servizo de Atención LGTBQI
Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade e Diversidade
Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade e Diversidade

Fonte: Concello da Coruña | 17/09/2016

A Concellería de Igualdade e Diversidade, que dirixe Rocío Fraga, vén de iniciar os trámites para poñer en marcha nas próximas semanas o Servizo de Atención LGTBQI para o asesoramento e información en temas relativos ás diversidades sexuais, os dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, queer e intersexuais e a igualdade efectiva, no obxectivo de crear un espazo municipal das diversidades sexuais e identidades de xénero na cidade para persoas do colectivo, así como a súa contorna familiar. Como primeira medida, o Concello sacará a licitación nos próximos días o contrato para desenvolver este servizo nos últimos catro meses do ano, "cumprindo o compromiso de iniciar a prestación do servizo neste mesmo ano" e coa expectativa de darlle continuidade e amplialo o ano que vén a través dun novo contrato, dentro do programa social municipal LGTBQI, segundo confirma a responsable municipal desta área. "Este servizo vén completar o traballo colaborativo que durante todo este ano vén facendo o Concello con entidades, colectivos e persoas no deseño das políticas nesta materia e, igualmente, das actividades municipais, como o programa do Día do Orgullo", exemplifica Fraga,  que avanza que esta primeira fase do Servizo de Atención LGTBQI servirá para detectar as necesidades das persoas usuarias por razón das diversidades sexuais -o que pode abranguir desde conflitividade familiar e relacional, dificultades na adolescencia ou outro período vital e outras problemáticas- e para comezar a identificar o servizo como "espazo de referencia" de relación neste ámbito entre o Concello e as persoas e colectivos.

O novo espazo está dirixido a atender e orientar de maneira personalizada ás persoas que demanden información respecto das diversidades sexuais e as identidades de xénero no municipio, xa sexa de forma persoal, telefónica ou por vía electrónica, e se encargará de derivar as persoas aos recursos institucionais ou asociativos existentes, no caso de que proceda. Como expón a concelleira, o servizo tamén prestará apoio ás asociacións e colectivos LGTBQI existentes, así como aos programas asociativos de información neste eido que estes desenvolven. De igual maneira, servirá para facilitar a canalización das denuncias ante situacións de incumprimento dos dereitos das persoas por motivo da diversidade sexual ou identidade de xénero, e fomentará as relacións respectuosas e saudables, positivizando as diversidades sexuais e o respecto e a igualdade de xénero no ámbito socioeducativo da Coruña. Na mesma liña, entre os cometidos do servizo cóntase  o fomento da formación sobre educación sexual, de xénero e familiar entre o persoal que traballa nos centros municipais de atención á mocidade, mulleres, maiores e outros colectivos, e a difusión dos obradoiros, charlas e actividades desta índole desenvolvidas desde o Concello ou desde otras entidades na cidade, achegando ás persoas usuarias información axeitada. Tamén, o Servizo de Atención LGTBQI xurde para reforzar outros proxectos ou actividades dirixidas a este sector da poboación, a través do impulso, a coordinación ou o propio desenvolvemento.

O Concello porá en marcha de forma inminente o Servizo de Atención LGTBQI