Fundación Manuel María | nota de prensa

Alberte Ansede será o novo presidente da Fundación Manuel María

Foi elixido unanimemente polo Padroado da entidade para ocupar a vacante ocasionada polo falecemento de Saleta Goi, viúva do escritor

A secretaría, desempeñada até agora polo novo presidente, será ocupada por Antón Laxe, actual encargado da Casa-Museo do escritor

Alberte Ansede será o novo presidente da Fundación Manuel María
Alberte Ansede
Alberte Ansede

Outeiro de Rei, 10 de novembro de 2022.- O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos elixiu por unanimidade a Alberte Ansede como o seu novo presidente, ocupando así a vacante no cargo provocada polo recente falecemento de Saleta Goi, viúva do escritor. A propia Saleta tivera a iniciativa de constituír a Fundación unha vez falecido Manuel María no ano 2004, co fin de reunir todo o seu legado e difundir a súa obra literaria. A Fundación foi constituída e declarada de Interese Galego no ano 2007, adquirindo inmediatamente a casa natal do escritor en Outeiro de Rei para, despois de remodelala, abrila ao público como Casa-Museo do escritor en setembro de 2013. Desde ese momento deposítase alí e móstrase ás persoas que a visistan todo o legado do escritor, a súa biblioteca, numerosos manuscritos, a rica documentación tanto en soporte de papel como de fotografías, audios, e vídeos ou a colección artística do propio poeta e o seu mobiliario e obxectos persoais.

Alberte Ansede traballou conxuntamente con Saleta na consecución deste obxectivo, e viña desempeñando o cargo de secretario da Fundación desde a súa posta en marcha. O novo presidente é profesor de Filosofía e mantivo desde a súa mocidade unha intensa relación con Manuel María e Saleta, relación que se converteu en íntima amizade unha vez que o matrimonio se trasladou a vivir á cidade da Coruña onde tamén residía o propio Alberte Ansede. Foi precisamente no Teatro Rosalía desta cidade onde o escritor chairego recibiu a súa grande homenaxe en vida, precisamente da man da entidade que presidía Alberte Ansede naquel momento, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

O cargo de secretario vacante pasa a ser ocupado por Antón Laxe que vén exercendo desde o ano 2015 o traballo de encargado da Casa-Museo Manuel María.

Alberte Ansede manifestou que “o activo máis importante da nosa Fundación é o colectivo de persoas implicadas no seu traballo pois é o que fai posíbel sacar adiante proxectos e iniciativas que van moito máis aló do noso orzamento”. Nese sentido, afirmou, “a miña pretensión non é tanto suplir a Saleta -algo completamente imposíbel- senón contribuír como Presidente a fortalecer a dinámica deste colectivo, única garantía de que a obra de Manuel María siga presente na sociedade galega”. Salientou, ademais, que “o traballo e actitude de Saleta desde o falecemento de Manuel María foi admirábel desde o punto de vista humano e impagábel desde o punto de vista social. Iso foi decisivo para que hoxe a Casa-Museo Manuel María sexa a matriz dun importante proxecto cultural centrado no escritor, mais que vai máis aló del”. Como é sabido, alí celébranse, semanalmente, actividades culturais de música, teatro, cine, maxia; clubs de lectura xuvenil e de persoas adultas ou roteiros de natureza e literatura. A Casa-Museo vén publicando a obra inédita ou esgotada do escritor así como materiais para o ensino e para apoiar as visitas escolares (xogos, lecturas...); convoca concursos escolares de recitado poético e videopoemas así como importantes certames de teatro e de composicións musicais realizados sobre a obra do escritor; celebra o Convívio da Cultura Galega na carballeira emblemática de Santa Isabel en Outeiro de Rei... Todas estas son iniciativas que os novos directivos pretenden consolidar.

Comentarios
Alberte Ansede será o novo presidente da Fundación Manuel María