Sse celebrará no Ágora o próximo luns 23

A poesía de África e Galicia centran o primeiro recital de Poetas Di(n)versos do 2017

O edil de Culturas, José Manuel Sande, destaca a aposta do Goberno local polo sector literario na presentación dun ciclo “de carácter aberto e gratuíto” para a cidadanía

A poesía de África e Galicia centran o primeiro recital de Poetas Di(n)versos do 2017
José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento 2
José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste mércores os recitais de inverno da oitava tempada de Poetas Di(n)Versos, o ciclo estable que reúne unha vez ao mes no centro Ágora a representantes da poesía contemporánea galega e do resto do mundo. Neste trimestre, que comezará o próximo 23 de xaneiro, participarán Rosa Enríquez, Nimrod, Marilar Aleixandre, Julia Uceda, Celso Fernández Sanmartín e Natalia Toledo. O edil de Culturas salientou o "carácter aberto e gratuíto" dunha actividade que conta coa dirección artística da escritora e dinamizadora cultural Yolanda Castaño. "Esta iniciativa é unha mostra máis da aposta literaria desde a Concellería, e que se verá incrementada, alén de feitos como a Feira o Día do Libro, por novas propostas que chegarán de man do sector", afirmou o edil.

O concelleiro estivo acompañado na presentación pola directora  do ciclo, quen conducirá no centro Ágora o próximo día 23, ás 20.30 horas, as primeiras lecturas do trimestre, que se farán no idioma orixinal e con tradución ao galego. Castaño sinalou que os tres recitais de inverno "contarán con poéticas enraizadas nas tradicións e no folclore, de pobos cargados de exotismo." Así, a cita do vindeiro luns contará participación do poeta e novelista do Chad Nimrod, "o que supón a primeira ocasión que escoitemos versos desta rexión de África", especificou a directora, e da escritora valdeorresa Rosa Enríquez, gañadora do Premio Francisco Añón de poesía.

O segundo recital terá lugar o día 6 de febreiro. Será unha sesión na que intervirán "dúas poetas de de fóra de Galicia, pero establecidas nesta terra", sinalou Castaño. Marilar Aleixandre, membro da Real Academia Galega desde o pasado 14 de xaneiro, e Julia Uceda, Medalla de Ouro ás Belas Artes en literatura e a primeira muller gañadora do Premio Nacional de Poesía --no ano 2003--, serán as voces que participen na cita do mes de febreiro.

Finalmente, o 27 de marzo celebrarase un recital "tinguido de oralidade, misturada con ricas tradicións ancestrais", aseverou a directora do ciclo, na que os versos en lingua zapoteca da poeta mexicana Natalia Toledo serán protagonistas xunto a súa tradución ao galego, que lerá o contacontos lalinés Celso Fernández Sanmartín, "un magnífico poeta".

Todos os recitais de Poetas Di(n)versos, cuxa entrada é de balde, terán lugar ás 20.30 horas no auditorio do espazo sociocultural e serán dunha hora de duración. Para máis información, pode consultarse a páxina web www.coruna.gal/cultura

Folleto Poetas Di(n)versos (PDF)

Comentarios
A poesía de África e Galicia centran o primeiro recital de Poetas Di(n)versos do 2017