O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou a coincidencia da mostra sobre a recuperación do personaxe mariñeiro de Hugo Pratt coa chegada da Talls Ships Races "e o seu compoñente máis cultural e ilustrado"

A XIX edición de Viñetas desde o Atlántico, entre o 8 e o 14 de agosto

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este martes o XIX Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que entre o 8 e o 14 de agosto volverá aos seus espazos habituais na cidade, como son o Kiosco Alfonso, Palexco, o pazo de María Pita e a sala Salvador de Madariaga, ademais da Rúa da Banda Deseñada, que se instalará nos Cantóns. Desta edición, o responsable municipal salientou a presenza que terá a figura de Cervantes, a través da exposición Miguel en Cervantes, organizada por Acción Cultural en colaboración co Instituto Cervantes en conmemoración do IV centenario da morte do autor, e que inclúe unha versión en banda deseñada da obra O retablo das marabillas, a cargo de David Rubín, e unha recreación biográfica, obra de Miguelanxo Prado, director de Viñetas desde o Atlántico. "É algo importante, tras un centenario obxecto de críticas e que estatalmente foi moi desvalido", indicou Sande a respecto da mostra, que inclúe A Coruña como primeira cidade "non cervantina" na que recala. "É unha auténtica satisfacción poder presenta este ano en Viñetas", coincidiu Prado durante a presentación de hoxe, quen salientou a súa montaxe e realización.

A XIX edición de Viñetas desde o Atlántico, entre o 8 e o 14 de agosto
viñetas
viñetas

Nesta edición do Salón do Cómic terá presenza tamén, como adiantou o concelleiro de Culturas, a saga de Corto Maltés, retomada por Rubén Pellejero e Juan Díaz Canales, autores de Bajo o sol de medianoite, cuxos orixinais poderanse ver no Kiosco Alfonso. Sande destacou a recuperación "dunha figura mítica, que coincide nesta cidade atlántica coa chegada da Talls Ships Races", a regata de grandes veleiros que chegará á Coruña entre o 12 e o 14 de agosto e, nese sentido, vinculou a cita náutica coa figura deste personaxe, a quen Miguelanxo Prado describiu como "o mariñeiro máis famoso da banda deseñada mundial". "Con ese compoñente ilustrado, cultural, Corto Maltés acompañando o periplo máis lúdico e festivo que propiamente deportivo da regata, trátase dunha ocasión especial dentro das festas de María Pita", indicou o concelleiro.

Outro dos "elementos centrais" desta edición é, segundo o presentou o director de Viñetas, a presenza de Chris Claremont, "guionista de referencia no mundo dos superheroes norteamericanos, como, entre outras, a Patrulla X", salientou Prado. "Este ano, queríamos poñer no centro de Viñetas a un creador de historias, a un creador de personaxes, e poder traer a Claremont, que é unha referencia absoluta e mundial, é unha garantía de facelo ao máis alto nivel", observou. "A nosa guía este ano foi manter o núcleo central de Viñetas, aquelo que nos diferenciou do resto de festivais do Estado e de Europa, o que nos deu ese punto de orixinalidade e esa empatía, e que foi ese carácter cultural do festival, o poñer toda a enerxía e capacidades en organizar boas exposicións, unha programación potente e unha lista de autores e autoras convidadas que representasen na medida do posible a pluralidade dunha linguaxe como a da banda deseñada no século XXI", salientou, sobre a presente edición.

O responsable da feira apuntou outros dos elementos que definirán esta XIX edición, como unha "especial presenza do cómic social, outro dos temas interesantes do momento actual; obras que van máis alá que simplemente contar a vida cotiá e intentan meter o dedo e pousar a ollada sobre os problemas que todos coñecemos", sinalou Prado, para facer mención de Cristina Bueno, Nadar, Jorge González ou Juan Díaz Canales, presentes neste Salón do Cómic. Do mesmo xeito, o responsable de Viñetas desde o Atlántico aludiu á especial atención que este ano se concede ao autor galego Ramón Marcos e aludiu a nomes galegos, como Kiko da Silva e Fernando Llorente, gañadores do premio Castelao nas súas dúas últimas edicións.

Ademais, e como quixo destacar Prado, a edición deste ano recupera a tradición de "engrosar o pavillón ilustre do Viñetas cunha nova figura", unha incorporación "realmente ilustre e que terá unha coherencia coa propia programación do festival", da que o director non adiantou a identidade nin a ubicación, "para ter ese puntiño de xogo". Igualmente, este ano o Salón do Cómic volverá contar con obradoiros infantís -que se celebrarán na Rúa da BD o mércores, venres e sábado en horario de mañá- distribuídos por idades. O cartel desta ano, indicou Miguelanxo Prado na presentación de hoxe, é creación do debuxante Keko, un dos artistas convidados na edición pasada.

A XIX edición de Viñetas desde o Atlántico, entre o 8 e o 14 de agosto