Renda Básica Universal

A Coruña acollerá entre o 21 e o 23 de marzo unhas xornadas sobre a Renda Básica Universal

As distintas mesas redondas e obradoiros, que analizarán as posibilidades de implantación dunha prestación incondicional á poboación dende distintas perspectivas, estarán abertas á cidadanía e se levarán a cabo no centro cívico dos Mallos e no paraninfo da Universidade

A Coruña acollerá entre o 21 e o 23 de marzo unhas xornadas sobre a Renda Básica Universal
Renda básica
Renda básica

A Coruña acollerá entre os días 21 e 23 de marzo as xornadas Renda Básica: o novo dereito social necesario, organizado polo Concello, a través do departamento de Xustiza Social, e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). As distintas mesas de debate e obradoiros que compoñen este ciclo, aberto á veciñanza, levaranse a cabo no centro cívico dos Mallos e no Paraninfo da UDC. Segundo explica a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, "o que se pretende é analizar se, efectivamente, a Renda Social Universal sería a fórmula máis eficaz para garantir a autonomía e dignididade humana e, ao cabo, crear sociedades máis xustas". De feito, a responsable municipal salienta que "o fondo compromiso co estudo e exploración de ferramentas precisas para garantir unha maior xustiza social na poboación" foi o que levou ao Concello a subscribir o pasado febreiro un convenio con Ceesg para posibilitar a realización destas xornadas.

Se ben o fío condutor das xornadas é o debate sobre a posibilidade de que o Estado estableza unha Renda Básica Universal como prestación a toda a cidadanía dun país de xeito incondicional, reducindo desto xeito a burocracia existentes para as axudas de índole social, as mesas temáticas abordarán o tema dende distintas perspectivas como a dos feminismos, a sostibilidade ecolóxica, o benestar social, o dereito universal e o emprego. Ao fío, tamén se analizarán as experiencias municipalistas postas en marcha estes anos, como é o caso, da Renda Social Municipal na Coruña.

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, presidirán a apertura das xornadas o próximo 21 de marzo no centro cívico dos Mallos, xunto a Laura Vilaboy, presidenta do Colexio de Educadoras Sociais de Galicia e Rodrigo Gil, membro do colectivo pola Renda Básica na Coruña. Entre as participantes nas xornadas atópase o presidente da Red Renda Básica, Daniel Raventós, a doutora en antropoloxía Nuria Alabao, así como a xornalista especializada da xénero Sarah Babiker. O eurodeputado e enxeñeiro de Camiños Florent Marcellesi e o biólogo e coordinador do Observatorio de Ecoloxía Política Alberto Fraguas analizarán a renda dende o punto de vista da sostenibilidade ecolóxica nunha mesa moderada pola doutora de Psicopedagoxía e profesora da UDC Araceli Serantes. A profesora de traballo social da Universidade de Las Palmas Koldobi Velasco, a doutora en Economía e ex deputada Carmen Lizárraga, o investigador da Universidade do Minho Thiago Santos e a doutora en Socioloxía pola UDC Belén Fernández serán outras das participantes nestas xornadas, xunto a psicóloga social e activista Mari Fidalgo, o profesor de Teoría Social e Política da Universidade de Barcelona David Casassas, os economistas Fernando Martínez Valdueza e Julen Bollain, o doutor en Socioloxía e traballador social Sergi Raventós.

Programación da xornadas sobre Renda Básica (164 KB)

Comentarios
A Coruña acollerá entre o 21 e o 23 de marzo unhas xornadas sobre a Renda Básica Universal