Galiza Nova | nota de prensa
Galiza Nova presentou onte en Vigo unha campaña das Letras Galegas onde a protagonista é a emigración


Foi mediante unha rolda de prensa, convocando diferentes medios, e realizando unha acción de presentación do lema e a imaxe, aproveitando o símbolismo do lugar desde onde partiron milleiros de galegos hai un século.

Élia Lago, responsábel de Lingua e Cultura de Galiza Nova, xustificou este enfoque destacando que "tanto Florencio Delgado como outras mozas onte e hoxe víronse obrigadas a marchar fóra por non poder desenvolver a súa vida aquí, deixando parados proxectos que dan vida á cultura e ao asociacionismo no país". A intención da campaña é, segundo dixo Lago, "chamar a reflexionar sobre as condicións e expectativas da nosa xeración e como estas inflúen non só na demografía e na economía senón tamén no noso desenvolvemento cultural e comunitario na Galiza". Para ese propósito, estarán realizando unha campaña axitativa na rúa e nas redes sociais nas vindeiras semanas, culminando a mesma na manifestación nacional pola lingua que organiza cada 17 de maio a plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela.
