Vía Galega | nota de prensa

Vía Galega advirte das actitudes antidemocráticas da ultradereita que alimentan ataques contra a campaña "Galiza, un pobo, unha selección"

Máis de 10 paneis da exposición "Galiza, un pobo, unha selección" instalada en Lugo apareceron danados
Vía Galega advirte das actitudes antidemocráticas da ultradereita que alimentan ataques contra a campaña "Galiza, un pobo, unha selección"
Paneis estragados (imaxe da web Viagalega.gal)
Paneis estragados (imaxe da web Viagalega.gal)

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022.- A Plataforma Vía Galega denuncia os reiterados ataques á difusión das actividades que desenvolve a favor dos dereitos sociais e nacionais da Galiza, logo de que aparecesen danados 11 paneis da exposición itinerante "Galiza, un pobo, unha selección" que está instalada na cidade de Lugo. Isto súmase á desaparición dunha faixa para difundir esta mostra no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e ás mensaxes fascistas sobre os cartaces de Vía Galega en diversas vilas e cidades nos últimos meses.

Estes danos provocados, cun xeito de actuación e intencionalidade semellantes, son produto de posicións alimentadas pola ultradereita e por responsábeis políticos que se manifestaron publicamente en contra das actividades promovidas por esta plataforma que integra máis de 60 asociacións sociais, culturais e deportivas de todo o país.

Para Vía Galega, estes estragos producidos son consecuencia de actitudes en contra da liberdade de expresión e de dereitos democráticos fundamentais contra unha campaña como a de “Galiza, un pobo, unha selección” que reivindica o dereito a competir a nivel oficial como galegos e galegas en todas as disciplinas deportivas.

De feito, os ataques van dirixidos a esta campaña que está a recadar numerosos apoios e interese por parte do público que visita as exposicións orientadas a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura; ademais de incidir na galeguización do deporte e de impulsar a igualdade de xénero.

Vía Galega advirte das actitudes antidemocráticas da ultradereita que alimentan ataques contra a campaña "Galiza, un pobo, unha selección"