Acampa pola paz e o dereito a refuxio

A cidadanía coruñesa apoiou unha edición máis, con complicidade e cheos diarios, a proposta reflexiva “Odio ou convivencia” de Rede Acampa pola paz celebrada esta fin de semana

As exposicións fotográficas continuarán nos xardíns ata o 10 de xullo

No Encontro Internacional do próximo ano falarase de Infancia e Xuventude.

O acontecido esta fin de semana nos Xardíns de Méndez Núñez, no desenvolvemento do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz “Odio ou Convivencia”, confirma o que o Movemento Acampa sabe desde as primeiras edicións: que a cidadanía coruñesa é empática e receptiva, cómplice con esta proposta reflexiva ao redor dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio.

A cidadanía coruñesa apoiou unha edición máis, con complicidade e cheos diarios, a proposta reflexiva “Odio ou convivencia” de Rede Acampa pola paz celebrada esta fin de semana
Visita a Cartografia dos impactos de odio
Visita a Cartografia dos impactos de odio
  • A carpa central desbordouse de público nos dous debates principais, os que sentaron a Pepe Mujica, expresidente uruguaio, a Virginia Álvarez, a responsable de investigación de Amnistía Internacional, ao maxistrado xuíz Baltasar Garzón ou a Virginia Mielgo, á responsable de operacións do buque de rescate Geo Barents, de MSF.
  • A reprodución do valo de Melilla, instalado diante do Palco da Música, foi sen dúbida o polo de atracción deste ano. Tamén o campo simulado que reproduciu o que acontece en tantos campos de persoas refuxiadas esparexidos polo mundo nos que o odio, moitas veces en forma de lume, arrasa coa esperanza das persoas máis vulnerables varadas nestes espazos sen dereitos e sen futuro. Máis de cen estudantes de terceiro da ESO pasaron por este espazo cos seus profesores de Ética para facer unha visita guiada polo recinto. Que mellor proposta para entender o que coma seres humanos non deberiamos permitir que ocorrese con outros seres humanos. O público tamén secundou as visitas guiadas dos fotoperiodistas invitados, que prestan a súa mirada e o seu relato directo para que nós entendamos o mundo.
  • Toda o contido, vídeos do encontro e exposicións, están en https://coruna.redeacampa.org/gl/

A Coruña, 19 xuño 2023.- A carpa central onde se celebraron boa parte das actividades programadas no VII Encontro Internacional Acampa pola Paz “Odio ou Convivencia” tivo cheos absolutos. Alí puidemos escoitar voces imprescindibles, como a do ex presidente de Uruguai Pepe Mujica que nos lembrou que “estamos a cometer unha estupidez de carácter estratéxico; non en balde, dentro de 50 anos, a metade da humanidade serán africanos; e se nos contestan con esta vergoña que practicamos con eles, mal ímolo pasar”. Cun público entregado Mujica foi, unha vez máis, Mujica: a solidariedade no longo prazo tamén é conveniencia. A Europa rica envellece, os pobres van ser unha esmagadora maioría. Este líder indiscutible teno claro: “non se deixen embaucar polo odio. É o amor o realmente parturiento e creativo”.

A responsable de investigación de Amnistía Internacional Virginia Álvarez foi moi clara confesando que a deshumanización da que está a ser testemuña nas fronteiras está a alcanzar niveis impensables. “Non hai maneira de que, se non es louro e con ollos azuis, poidas entrar en Europa de maneira ordenada cando estás necesitado de protección internacional”. “É kafkiano que teñas que cometer ilegalidades para conseguir que se respecten os teus dereitos”.

Visita expo Corral
Visita expo Corral

O xuíz Baltasar Garzón falou de xustiza universal. “A xustiza, en materia de Dereitos Humanos, é conservadora, e non pode selo”. “Hai que pensar en quen é responsable deses estados errados, pensar en que é o que leva a millóns de persoas a migrar; e aí Europa non é inocente”, explicou. Chama moito a atención que Meloni estableza acordos con Libia sabendo  que esas devolucións levan a seres humanos a ser encarcerados, masacrados”.

Virginia Mielgo, responsable de operacións do Geo Barents de MSF, testemuña directa do que acontece no Mediterráneo Central, insistiu en denunciar a campaña mediática e política que criminaliza as migracións e as tarefas de rescate das organizacións humanitarias. Tamén o dobre raseiro de Europa, capaz de asumir unha eficaz e rápida acollida dos ucraínos que fuxiron da guerra pero que pecha fronteiras e permite que se afoguen no mar centos de seres humanos con outra cor de pel ou outra procedencia.

Equipo de coordinación VII Encuentro
Equipo de coordinación VII Encuentro

O Movemento Acampa pola Paz agradece á cidadanía coruñesa a súa complicidade e resposta cara a unha iniciativa que, por sétimo ano consecutivo, converteu a Coruña, por uns días, en porto refuxio dos Dereitos Humanos. Nada máis reconfortante, para o traballo desinteresado dunha Rede que aúna a case 80 organizacións relacionadas cos dereitos humanos, o dereito de asilo e  a protección das persoas vulnerables, que conseguir eses cheos na carpa central na que se celebraron boa parte das actividades programadas. A próxima edición, no que será o VIII Encontro Internacional Acampa pola Paz, falará de Infancia e Xuventude.

A cidadanía coruñesa apoiou unha edición máis, con complicidade e cheos diarios, a proposta reflexiva “Odio ou convivencia” de Rede Acampa pola paz celebrada esta fin de semana