poig | nota de prensa

A POIG reúnese coa Conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia

  • A necesidade de reforzo das políticas de infancia por parte do goberno da Xunta centrou a temática da reunión.
  • Especial protagonismo tomou a situación do sistema galego de protección á infancia e adolescencia galega.
A POIG reúnese coa Conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia
IMG-20230622-WA0000
Reunión da POIG coa Conselleira de Política Social e Xuventude

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023. Representantes da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) reuníronse esta mañá coa Conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, Dona Fabiola García Martínez, quen atendeu as demandas da mesma nun clima positivo e de escoita activa.

Visibilizar ás problemáticas da infancia en Galicia e traballar pola melloría da situación da infancia na comunidade galega son os obxectivos da POIG.

Un tema que preocupa especialmente a esta plataforma é a difícil situación das entidades e nenas, nenos e adolescentes que están no sistema de protección da Xunta de Galicia. Cando unha nena ou neno entra no sistema de protección, implica que este está a vivir unha situación de desprotección por parte do seu entorno mais próximo, así, o goberno autonómico asume a súa tutela e apoio, sendo este apoio no territorio galego claramente insuficiente.

Atopámonos cun sistema infrafinanciado, onde os recursos son limitados tanto para os equipos técnicos da Xunta de Galicia como para as entidades que prestan servizos neste eido. Así, o resultado é unha situación tremendamente alarmante, atopándonos descoñecemento das problemáticas concretas do sector no ámbito político, con Equipos Técnicos do Menor nas distintas administracións con preocupante sobrecarga de expedientes e ratios inasumibles (existen técnicos que están a asumir 70-90 expedientes) o que conleva un importante retraso nas tramitacións e a conseguinte situación de desprotección de nenas, nenos e adolescentes que se alongan no tempo. 

No referente a situación das entidades que traballan no acollemento residencial, Xesús Vilas, presidente da POIG declara que “preocupa especialmente a perda económica que están padecendo as entidades que xestionan estes espazos e a tensión que soportan os equipos educativos que asumen unha ratio completamente desfasada (1/8) o que está levando a baixas constantes entre os equipos e empeoramento do clima laboral ademais da fuga constante de talento derivada da falta de recursos e a falta de actualización de salarios. Trátase este de un colectivo que desenvolve unha tarefa vital para as nenas e nenos do sistema de protección cunha carga emocional moi importante e sen o recoñecemento merecido por parte da administración o que leva tamén a unha remuneración inxusta”.

No nivel programático das entidades do sistema de protección a falta de recursos é alarmante estando estes apoios sen actualizar dende hai seis anos e obviando a situación de inflación que vive o país nos últimos tempos. A administración estase a reposar nas entidades e nos profesionais do sistema sen ter en conta o tremendo aumento do custe de vida no noso país.

Este tipo de carencias dan lugar a un elevado número de nenas, nenos e adolescentes á espera de medidas o que soe traer consigo un efecto de agravación das situacións polo paso de tempo. Atopámonos tamén cun gran número de nenas e nenos de 0 a 6 anos que permanecen en acollemento residencial ignorando as recomendacións dos organismos internacionais que veñen alertando da necesidade de reforzo dos programas de acollemento familiar, así como, da necesidade dunha maior sensibilización da poboación. Adicionalmente, percíbese o aumento de infancia e adolescencia con problemas de saúde mental en centros de protección en convivencia o que aumenta o risco e vulnerabilidade, esta situación vense dando pola falla, tamén, de alternativas para estas situacións concretas.

O resultado destas situacións, desta falta de apoio está a afectar directamente á vida de moitas persoas: familias, profesionais e, especialmente, nenas, nenos e adolescentes que están a vivir situacións de desprotección polo escaso protagonismo que á infancia ten nas políticas públicas das administracións autonómicas e locais.

Así, dende a POIG, foi trasladada a necesidade de incrementar os recursos para que as administracións locais desenvolvan actuacións de prevención e preservación da unidade familiar, así como, a necesidade tamén de incremento de RRHH nos ETM´s ata unha ratio técnico-expedientes de 1/30 e unha estabilización de estos, a gran rotación de equipos e totalmente contraproducente para un adecuado acompañamento.

No que as entidades colaboradoras se refire, pídese un maior compromiso para o fortalecemento do sector, aumentando as cuantías e axilizando o desenvolvemento dos concertos sociais para centros de día, CIEMAs e centros de atención residencial ademais da articulación dun novo decreto que permita actualizar a ratio educador-NNA a un mínimo de 2/8.

Finalmente, unha avaliación do sistema de protección á infancia sería aconsellable, co fin de coñecer a súa eficacia, un maior coñecemento das administracións da situacións neste aspecto e a conseguinte mellora na articulación de políticas para a infancia.

Sobre a POIG

A Plataforma de Organizacións de Infancia Galega fundada no ano 2018 agrupa a 36 organizacións que comparten o obxectivo de defender, promover e protexer os dereitos das nenas, nenos e adolescentes no territorio galego.

A POIG reúnese coa Conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia