Xenocidio en Gaza

Comunicado sobre a ocupación do Colexio de San Xerome (Reitoría)

Imos ao tema: por que ocupamos o reitorado? O motivo é moi sinxelo e razoable, a USC  négase a considerarnos interlocutoras válidas e recoñecer o rol do estudantado e o  dereito á protesta coma parte activa fundamental da universidade.
Comunicado sobre a ocupación do Colexio de San Xerome (Reitoría)

Entendemos que  toda vida humana é igual de importante e que xa van máis de 50.000 persoas palestinas  asasinadas dende outubro, a metade delas crianzas, coa complicidade da USC. Somos  conscientes de que a universidade tenta desviar a atención do fondo (son cómplices de  xenocidio) cara a forma (hai uns punkis facendo ruído). Temos que facer un exercicio de  honestidade e ser claras: o noso deber coma estudantes concienciadas é dar unha  resposta pacífica pero contundente á enorme violencia do silencio das institucións de  educación superior. 

Non hai nada máis violento que seguir a financiar activamente a unha chea de  empresas directamente vinculadas ao xenocidio, como HP, Siemens, Amazon ou o  Banco Santander. A tres primeras foron declaradas obxectivo de boicote por parte do  movemento BDS pola súa participación activa no apartheid e xenocidio. A cuarta, ten  máis de dez mil millóns de euros invertidos en tanques, drons, bulldozers, e demais  maquinaria xenocida. 

Non hai nada máis violento que que un Reitor que foi a única candidatura e, aínda así,  recibiu máis votos en branco que a favor, nos dea leccións de democracia (foi votado  por un 6% da comunidade universitaria). Non hai nada máis violento que despois de  intentar que as nosas voces e reivindicacións se escoitaran e atendesen pola vía  establecida no regulamento da USC (conseguindo as 10 sinaturas de integrantes do  consello do goberno primeiro, e facendo unha solicitude escrita ao reitor de deixarnos  asistir con 2 técnicas especializadas no boicote académico, unha delas palestina), se  nos ignore e nos dean novamente leccións de democracia. A pouca democracia que  realmente pode existir na institución xa se viu completamente anulada polas prácticas  manipuladoras e difamatorias de Xerencia e Reitorado. 

Non hai nada máis violento que recorrer á burocracia de Schrödinger: cando lles  interesa, as cousas apróbanse case ao momento, cando non, poñen en marcha mil  trabas para excusarse e non poñer en risco os seus intereses. Xa a primeira semana, o  Xerente contactounos para dicir que “nunca imos criticar o Estado de Israel”. Levamos  tentando que as demandas das académicas palestinas, concretadas na PACBI e no  movemento BDS sexan realmente escoitadas. 

Non hai nada máis violento que utilizar ás propias traballadoras como excusa para a  inacción da universidade. Esta mañán, comunicamos con antelación ao Xefe de  Seguridade que non permitiríamos o funcionamento normal do Reitorado. Este díxonos  que se encargaba de comunicarllo ás traballadoras. Porén, o xerente viu facer a  performance mediática seguido por vinte traballadoras a decirlles que “por culpa de estos criminales no tenéis derecho al trabajo”. A nós o dereito ao traballo parécenos  xenial, pero máis nos preocupa o dereito á vida, o dereito á liberdade, o dereito á educación, o dereito á infancia. 

A nosa leva sendo unha protesta pacífica dende o primeiro día: fixemos sentadas no  Pazo de Fonseca e a Biblioteca Concepción Arenal, e, tras ser constantemente ignoradas, organizamos dunha semana para outra unha manifestación á que se sumaron máis de 600 persoas e irrumpimos de xeito totalmente pacífico en distintos  espazos. Neste sentido, condeamos totalmente as súas difamacións, así como a  afirmación falsa de que rompemos unha ventá para entrar, cando, como se pode  comprobar, simplemente a deixaron aberta e está en perfecto estado. 

Tras a negativa por parte do Consello de Goberno de aprobar ningún dos puntos  recollidos no documento presentado pola Asamblea Internacionalista do Estudantado e da Clase Traballadora por Palestina, esta decidiu traspasar o peche á reitoría. Se ben celebramos que a USC por fín se abra a establecer vías de comunicación coa Asociación Galaico Árabe-Jenin, somos conscientes de que o noso deber como  estudantado e clase traballadora organizada é seguir presionando as institucións pertinentes para que leven a cabo todas aquelas medidas destinadas a por fin ás atrocidades exercidas sobre o pobo palestino. 

Todas as nosas reivindicacións saen en directamente de organizacións palestinas  como a PACBI ou BDS. Por moito que algunhas se empeñen: non estamos soas. Con nós están millóns de persoas protestando a nivel global, e tamén os datos. A  continuación procedemos a presentar, resumidas, algunhas explicacións sobre varios  puntos fundamentais a esixir. 

Como demostra a antropóloga Maya Wind na súa obra Towers of Ivory and Steel, as  universidades israelís manteñen lazos directos co exército e servizos de intelixencia  artificial israelís, principais violadores do dereito internacional en Palestina. Estas  institucións contribúen á normalización na esfera académica de Israel mentres acollen  bases militares nos seus campus, fomentan a militarización dos mesmos permitindo a  violencia continua contra o pobo palestino (dúas delas están construidas directamente  en asentamentos ilegais), participan activamente na formación das forzas armadas,  adican orzamento europeo de investigación a mellorar as capacidades militares da  ocupación, propocionan bolsas a estudantes que participaron nesta ou anteriores  invasións de Gaza, entre moitas outras formas de colaboración e complicidade co  proxecto sionista. De feito, catro universidades israelís expresaron o seu apoio  explícitio á última ofensiva militar que derivou na invasión actual de Gaza.  

Que a USC se negue de novo a romper as relacións vixentes con múltiples  universidades israelís tal como indican as directrices da PACBI, tal e como xa fixeron  outras universidades como a Universidade de Barcelona, tan só revela o carácter cómplice da nosa institución universitaria que pensa que compromisos vacuos abondan para “aplacar” ao estudantado mobilizado. A USC debe romper  inmediatamente, ou á maior brevidade posible, con todas as formas de colaboración con universidades israelís ata que se cumpran 3 premisas: que estas institucións recoñezan os dereitos do pobo palestino, que deixen de colaborar coa violación destes dereitos por parte do rexime de israel e que elas mesmas deixen de violar eses dereitos. Falar de romper relacións en abstracto, sen especificar isto, é insuficiente e meramente  simbólico. 

Esiximos que no grupo de traballo que onte a USC se comprometeu a crear se permita tamén a participación de integrantes da nosa asemblea e de persoas técnicas  especializadas no boicote académico a Israel nomeadas pola nosa asemblea. Consideramos este punto fundamental, pois non é suficiente que persoal da USC sen formación específica sobre o boicote académico se comprometa en abstracto a levar a cabo unha serie de accións, senón que é necesario para garantir o seguimento e a avaliación continua como únicos mecanismos que aseguran o cumprimento e  efectividade das medidas adoptadas. Ademáis, permitirá que persoas especializadas  neste tema tomen decisión e avalíen o impacto das mesmas. Insistimos de novo, as  nosas demandas non deben quedar plasmadas en papeis mollados, senón que a súa  traducción en accións e medidas concretas debe ser un punto inquebrantable.  

É inaceptable, a súa vez, que non só a USC se negue a romper os vínculos que a atan ó  xenocidio do pobo palestino a través das relacións vixentes coas universidades israelís, senón que tamén siga tendo contactos con empresas que están directamente  involucradas no mantemento e extensión da ocupación e do apartheid israelí. Son estas as que proporcionan os recursos, tecnoloxías e apoio financieiro que permiten o xenocidio, a represión e a explotación do pobo palestino por parte de Israel. A desinversión e suspensión dos acordos con estas empresas (unha das reivindicacións  principais do movemento solidario con Palestina en campus universitarios de todo o  mundo) son unha forma directa de resistencia non violenta que busca desmantelar o sistema de opresión israelí mediante a presión económica e a deslexitimación das  empresas que se benefician do sufrimento do pobo palestino. 

A solidariedade institucional coas universidades palestinas non debe nacer dende  unha posición eurocéntrica e históricamente asimétrica, senón que debe respetar a  autonomía do pobo palestino e non reproducir dinámicas coloniais e paternalistas.  Ademáis, son as persoas palestinas as que coñecen a súa realidade e están a sofrer as consecuencias das políticas sionistas, polo que só elas saben o que realmente  precisan. Por estes motivos a USC debe adherirse a proxectos de colaboración e  reconstrucción liderados por universidades palestinas e non outorgarse o liderado deste proceso, participando, por exemplo, no proxecto Rebuilding Hope da  Universidade de Birzeit.

Finalmente, tras 76 anos de Nakba continua e co seu máximo exponente que é o  xenocidio en curso, as nosas institucións non poden seguir obviando a raíz do  problema; o sionismo. Esta ideoloxía racista, decimonónica e colonial é a que xustifica  a ocupación, apartheid, limpeza étnica do pobo palestino por parte de Israel coa  excusa de crear unha teocracia no Próximo Oriente que vele polos intereses imperialistas occidentais. Polo tanto a USC debe comprometerse a non outorgar premios a persoas que co seu discurso e a súa obra perpetúen as xustificacións históricas ou a normalización destas políticas sionistas. Non facelo será lexitimar un posicionamento político que defende explícitamente a violación sistemática de  dereitos e exterminio de todo un pobo. 

Do mesmo xeito que fai pouco menos dun mes entramos na Facultade de Xeografía e Historia, pechámonos agora no edificio de reitoría. Se os obxectivos fixados pola Asamblea en aras de por fin ás violencias cometidas contra o pobo palestino seguen a  ser ignoradas, a nosa protesta seguirá a sinalar a complicidade dunha insitución que  desprecia dignidade dun pobo sometido a constantes ataques e agresións. Sabemos que as nosas accións serviron para que rector accedera a cumplir cunha serie de  puntos pouco contundentes e claramente insuficientes coa organización Erguer, e que  a congregación de centos de persoas na praza de Mazarelos forzou ó rector a dignarse atender as voces palestinas na Galiza. Porén, o camiño seguirá sendo o mesmo; manter a loita en activo para que os avances sexan cada vez máis significativos. Abu Sittah, reitor da universidade de Glasgow, médico e académico palestino, dicía na súa conferencia a semana pasada na Universidade de Alicante que é o estudantado quen debe guiar o camiño. Pedimos ás autoridades da USC que escoiten ao seu  estudantado, organizado e mobilizado. 

A nosa convicción é firme: dende o río ata o mar Palestina vencerá!

Comunicado sobre a ocupación do Colexio de San Xerome (Reitoría)