Les Coruña - Les Working | nota de prensa

Mulleres de toda España virán á Coruña para conmemorar o Día Internacional das Lesbianas

O encontro previo ao concerto que a cantante LP dará este venres na Sala Pelícano, marcará o comezo dun fin de semana cheo de actividades diversas e inclusivas

Mulleres de toda España virán á Coruña para conmemorar o Día Internacional das Lesbianas
Cartaz les
Cartaz les

As asociacións Les Coruña e LesWorking unen forzas para congregar este fin de semana na Coruña a decenas de mulleres provindas de toda España, que celebrarán xuntas o 8 de outubro, Día Internacional das Lesbianas.

En España a visibilidade das mulleres lesbianas, a diferencia da dos homes gays, sigue a ser unha materia pendente. Son poucas as famosas (e non famosas) que se atreven a dicilo publicamente ou a posar xunto ás súas noivas en redes sociais. O máis habitual é escondelo, especialmente no ámbito laboral. Estímase que arredor de 7 de cada 10 ocúltano nas súas entornas profesionais. Os riscos de visibilizarse pesan máis para elas que os beneficios de vivir libres e de ser coherentes consigo mesmas.

Debido a que aínda existen estes medos e á falta de referentes, dende a organización consideran moi necesario crear eventos e espazos seguros onde as lesbianas socialicen e conecten entre elas. No anterior encontro, que tivo lugar o pasado 26 de abril no Círculo de Artesáns, xa reuniron a case 200 mulleres para celebrar o Día da Visibilidade Lésbica. Todo un éxito de convocatoria, tendo en conta ademais que se trataba dun martes.

O destino quixo agora que a cantante LP, Laura Pergolizzi, coñecida mundialmente por éxitos como Lost on you, actúe na Coruña o venres 7 de outubro. Dende a organización consideran que foi unha fantástica casualidade, xa que esta cantante, unha das poucas lesbianas visibles no panorama musical internacional actual, conta con multitude de seguidoras que xa tiñan pensado vir ao concerto. Agora moitas delas quedarán tamén o resto da fin de semana na cidade.

A axenda programada para o sábado inclúe un vermú, a ruta guiada Elisa e Marcela pola Cidade Vella, unha comida no Hotel Atlántico e unha festa coa actuación da DJ Bold G ata as 3 da mañá. Ás 17h, ademais, farase un macro posado no paso de peóns LGBTI próximo á Praza de Santa Catalina, dende o que lanzarán ao mundo a súa mensaxe, “Orgullosas de amarnos”, e converterán á cidade, unha vez máis, na Coruña Lesbian-friendly.

Mulleres de toda España virán á Coruña para conmemorar o Día Internacional das Lesbianas