UGT | nota de prensa

Xustiza Salarial. Salario ou Conflito

Non se pode permitir que a clase traballadora se empobreza.
Xustiza Salarial. Salario ou Conflito
Manifestación "Salario ou conflito"
Manifestación "Salario ou conflito"

Hoxe saímos de novo as rúas da nosa cidade para demandar subas salarias que garantan o mantemento do poder de compra ante a subida de prezos desbocada que estamos a vivir. 

Demandamos ás patronais que se senten a desbloquear ás negociacións dos convenios bloqueados, é imprescindible acadar un acordo xeral de salarios, porque España é o segundo país pola cola no relativo a incrementos salariais. 

As persoas traballadoras non poden seguir perdendo poder de compra cunha inflación desbocada que está a poñer a moitas familias en serias dificultades. Máis da metade dos fogares está a ter dificultades para subsistir e o 10% non pode sequera afrontar o custo dos produtos básicos. A inflación galopante está a privar a familias e comunidades de calquera posibilidade de ter unha vida decente e un futuro digno.  

O salario real está estancado dende 2008 e o salario pactado por convenio só subiu un 2,8% cunha inflación na contorna do 10% á par que grandes empresas incrementan os seus beneficios. 

Na negociación dun novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, UGT e CCOO vanse manter firmes na súa demanda de incluír cláusulas de revisión salarial para que os traballadores e traballadoras non vexan diminuído o seu poder de compra, o que reduciría o consumo interno e castigaría tamén á economía en xeral.

Tras o verán, como a patronal segue sen desbloquear as mesas de negociacións e non aporta ningunha resposta obrigounos a saír de novo ás rúas, xa que subir os salarios, así como controlar os prezos, hoxe debe ser unha prioridade e unha necesidade económica e social de primeira orde. 

Que os salarios suban para garantir o mantemento do poder de compra dos traballadores e traballadoras é unha cuestión de xustiza social que, ademais, contribuirá a xerar consumo e emprego. Non se pode permitir que a clase traballadora se empobreza nunha conxuntura de crise e cunha inflación moi elevada pero que, en ningún momento, ten a súa orixe nos salarios. 

É urxente que as consecuencias da inflación sexan tidas en conta en todas as negociacións, de maneira que se distribúan as cargas e aumenten os salarios. Esiximos ás organizacións empresariais responsabilidade, que non bloqueen os procesos de diálogo social nin de negociación colectiva e que entendan que é urxente que se produzan subidas salariais xustas e suficientes. Os sindicatos de clase maioritarios pedimos ao Goberno medidas que freen o aumento dos prezos e que aposten por un impulso forte do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). En base a esas premisas mobilizámonos, xunto ao resto de organizacións irmás da Confederación Sindical Internacional (CSI), para esixir “Xustiza salarial” para os e as traballadoras do mundo.

Xustiza Salarial. Salario ou Conflito