medio ambiente

Seis activistas de Ecoloxistas en Acción en xuízo por unha denuncia falsa da Cámara Oficial Mineira

As activistas de Ecoloxistas en Acción reafirmaron no Xulgado de A Coruña que se trata dunha campaña de intimidación por parte do lobby mineiro coa que pretende silenciar as protestas utilizando o acoso xudicial.
Seis activistas de Ecoloxistas en Acción en xuízo por unha denuncia falsa da Cámara Oficial Mineira
IMG_20240305_124054
Ecoloxistas en Acción nos xulgados da Coruña
  • Os feitos remóntanse a setembro, logo de que activistas de Ecoloxistas en Acción entregasen na sede do organismo botellas con auga das minas de Touro e de San Finx.
  • A empresa da mina de San Finx ven de ser sancionada cunha multa de 180.000 euros por verteduras ilegais de metais pesados, que a Cámara Mineira tentaba negar.

Seis activistas de Ecoloxistas en Acción compareceron hoxe no Xulgado de Instrución N.º 2 de A Coruña acusados pola Cámara Oficial Mineira de Galicia por un inexistente delito de coaccións, que tería acontecido o pasado 6 de setembro cando as ecoloxistas denunciadas levaron á sede da entidade botellas con auga contaminada procedente das minas de Touro e de San Finx.

Ana Díaz, voceira da organización ecoloxista e unha das demandadas, denunciou durante a vista o “uso sistemático de acusacións falsas e infundadas para intimidar e silenciar as organizacións que veñen denunciando as ilegalidades mineiras”.

Coa entrega das botellas as ecoloxistas saían ao paso das declaracións públicas da Cámara Mineira nas que se afirmaba que “nunca houbo problemas coa calidade das augas” en San Finx, a pesar de que as analíticas máis recentes revelan niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, 100 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Esas mesmas analíticas levaron a un procedemento sancionador contra a mina, resolto o pasado mes de febreiro cunha sanción de 180.000 euros por verteduras ilegais.

En paralelo, o representante da empresa Tungsten San Finx tivo que declarar este luns día 4 no Xulgado de Noia por un presunto delito contra o ambiente e os recursos naturais.

Rexeitan as calumnias da Cámara Mineira

Se ben a entrega das botellas de auga na Cámara Mineira non demorou máis de tres minutos e foi totalmente pacífica, o avogado da corporación, dependente da Consellería de Economía e Industria, insitiu en cualificála como un “asalto violento”, mesmo chegando a afirmar que se forzara ás administrativas a beber auga contaminada.

As activistas desmentiron estas calumnias valéndose de gravacións de audio e vídeo que evidencian as gruesas mentiras coas que a Cámara Mineira tentaba incriminar aos membros de Ecoloxistas en Acción.

A denuncia é o caso máis recente e disparatado dunha campaña continua e sistemática de acoso xudicial por parte do lobby, utilizando acusacións falsas e infundadas para intimidar e silenciar ás organizacións que veñen denunciando as ilegalidades mineiras. De feito, este mesmo verán a propietaria da mina de San Finx presentou outra denuncia falsa contra Ecoloxistas en Acción por un inexistente delito de danos, dando pé a unha causa que foi arquivada no pasado mes de outubro.

O avogado da Cámara Mineira é o mesmo que protagonizou outras accións estratéxicas contra a participación pública (SLAPP nas súas siglas en inglés), incluíndo unha denuncia falsa de Cementos Cosmos contra Bierzo Aire Limpio, arquivada en febreiro do ano pasado, e outra querela por inxurias contra o xornalista Valentín Carrera, igualmente desestimada polos xulgados de Vigo en 2019.

Ecoloxistas en Acción entende esta denuncia como unha represalia pola recente vitoria xudicial da organización ecoloxista que obrigou a paralizar a mina da Penouta pola súa afección á Rede Natura Peña Trevinca, xa que a empresa que explota esta miña é para a que precisamente traballa actualmente o Presidente da Cámara Mineira.

Reclaman medidas contra a Cámara Mineira

Con esta acción infundada, a Cámara Mineira amosa unha vez máis que só defende os intereses dos elementos máis retrógrados do sector mineiro, despregando, en palabras da portavoz da organización ecoloxista, “un negacionismo absoluto fronte a todos os seus impactos ambientais”.

Para Ecoloxistas en Acción a actuación da Cámara Mineira no caso da mina de San Finx é un claro exemplo dos esforzos deste organismo por acadar un “lavado verde” das peores prácticas sector mineiro. Por iso, desde a organización ecoloxista demandan que na próxima lexislatura lle sexan retiradas as potestades públicas que a Xunta atribuíu a esta entidade, incluíndo as de xestión do Censo Catastral Mineiro, así como as axudas multimillonarias que se lle veñen concedendo na última década por parte do goberno galego.

Seis activistas de Ecoloxistas en Acción en xuízo por unha denuncia falsa da Cámara Oficial Mineira