Parlamento europeo

O BNG presenta emendas á proposta de Lei europea de Materias Primas Críticas para garantir a protección medioambiental e cultural

Ana Miranda: “Esta nova lei ten moitas implicacións para Galiza en materia de sostibilidade, ao ser un país cun subsolo rico en minerais”

O BNG presenta emendas á proposta de Lei europea de Materias Primas Críticas para garantir a protección medioambiental e cultural
Ana Miranda declaracións4 port
Ana Miranda declaracións4 port

Bruxelas, 27 de xuño de 2023.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar unha batería de 50 emendas á proposta de Lei europea de Materias Primas Críticas, que se refiren a materias primas estratéxicas de gran importancia económica e que presentan un alto risco de subministración, como poden ser o litio para as baterías ou o silicio para os semicondutores.

“Coa presentación das emendas o noso obxectivo é, sobre todo, garantir a protección medioambiental e do patrimonio cultural e histórico, así como a protección de aspectos relacionados coa produción de alimentos”, salienta Ana Miranda, quen considera fundamentais apostar por ter en conta estes criterios para evitar vertidos como os da ría de Noia por parte da mina de San Finx, que tanto afectan desde hai anos á pesca e ao marisqueo.

A eurodeputada do Bloque explica que esta nova lei europea ten moitas implicacións para o futuro de Galiza en materia de sostibilidade, ao tratarse dun país cun subsolo moi rico en minerais, incluíndo a presenza dalgunhas materias estratéxicas non explotadas, con indicios de gran presenza de litio, por exemplo.

Por outro lado, as emendas presentadas polo Bloque tamén teñen por obxectivo aumentar o control e a participación pública das comunidades locais afectadas, así como garantir que os procedementos de concesións sexan transparentes, pero sen reducir os requirimentos sociais e medioambientais. “A nova minaría ten os mesmos problemas ecolóxicos e sociais que presentan as renovábeis e non podemos permitir que desde as administracións se tomen decisións en beneficio das empresas que afecten á cidadanía pero sen tela en conta”, manifesta Ana Miranda.

Segundo destaca a eurodeputada do BNG, “atopámonos no reto de reforzar os criterios medioambientais e sociais nunha proposta de lei que actualmente se está debatendo en Bruxelas”. Ademais lembra que de xeito paralelo se está tramitando en Galiza a proposta de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galicia, -coñecida como Lei de recursos naturais-. Critica que esta proposta busca facilitar a instalación deste tipo de industria dando cobertura legal a proxectos prohibidos pola legalidade vixente e afonda na desprotección do rural, abrindo a porta a macroproxectos industriais.

O BNG presenta emendas á proposta de Lei europea de Materias Primas Críticas para garantir a protección medioambiental e cultural