Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

O declive do carbón baixou as emisións de GEI de Galicia un 24% entre 1990 e 2019

Até 2019 as emisións de GEI non diminuíron de forma importante con respecto a  1990.
O declive do carbón baixou as emisións de GEI de Galicia un 24% entre 1990 e 2019
Emisións GEI
Emisións GEI
  •  A baixada é insuficiente e só foi posíbel polo recorte das emisións no sector enerxético motivado pola caída da produción eléctrica con carbón.
  • Para contribuír ao obxectivo dos 1,5 graos cómpre diminuír as emisións polo menos un 65% antes de 2030.
O informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de Galicia (1990-2019)”  de Ecoloxistas en Acción, a partir dos datos máis actualizados procedentes do inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, aborda a evolución das emisións de gases causantes de quecemento global desde o territorio galego. Complétase cunha pequena análise da transición enerxética en Galicia, aspecto chave para a mitigación da crise climática.

Entre as conclusións do informe salientan as seguintes:
  • As emisións de GEI de Galicia reducíronse un 24% entre 1990 e 2019. É unha redución insuficiente que ademais foi conseguida de forma serodia e despois dun forte crecemento das emisións entre 1990 e mediados da década pasada.
  • O recorte das emisións de GEI atinxido en Galicia iguala o logrado á escala da UE, pero o de Galicia non foi sostido no tempo, o que supuxo maiores emisións acumuladas. Ademais as emisións medias por habitante da UE eran superiores ás de Galicia en 1990.
  • As tres cuartas partes das emisións de GEI proceden do uso de combustíbeis fósiles (petróleo, gas, carbón). O 21,4% orixínanse nas industrias do sector enerxético (principalmente nas centrais térmicas de carbón e gas fósil) mentres que o consumo de enerxía fósil no transporte, na industria e noutros sectores (fogares, comercios, administración públicas, agricultura,…) é responsábel do 51,5%.
  • Practicamente toda a baixada das emisións totais de GEI de Galicia entre 1990 e 2019 foi debida á descarbonización parcial do sector eléctrico polo aumento da produción renovábel e a queda da actividade das centrais de carbón das Pontes (Endesa) e Meirama (Naturgy) en 2019. Estas centrais achegaban un terzo do total das emisións da nosa terra até 2018.
  • As emisións causadas polo consumo de enerxía fósil no transporte, na industria e noutros sectores (fogares, comercios, administracións públicas, agricultura,….) aumentaron un 38% entre 1990 e 2019. O maior incremento (55%) rexistrouse no transporte de persoas e mercadorías, que se converteu na actividade con maiores emisións de GEI, representando hoxe un 26% do total das emisións territoriais do noso país.
  • A transición enerxética debería basearse nun forte decrecemento do consumo e nun desenvolvemento renovábel con participación cidadá.  Sen embargo, o consumo galego de enerxía tende a se estabilizar en valores altos e o crecemento das enerxías renovábeis foi demasiado lento até hoxe, estivo protagonizado polo gran capital privado e implicou custos territoriais excesivos.
  • A falta de ambición da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta é enorme. O obxectivo de redución de emisións para 2030 é de tan só o 24,6%, polo que xa foi practicamente logrado, a pesar do propio Goberno galego, defensor das centrais de carbón. É urxente elevar este obxectivo até polo menos o 65% para estar en liña co Acordo de París. 

DESCARGAR INFORME COMPLETO

Nota:
Os gases obxecto do informe son dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O), hidrofluorocarbonos (HFC), perfluorocarbonos (PFC) e hexafluoruro de xofre (SF6). Polo tanto, este informe non se refire a contaminantes tóxicos que afectan especialmente contornas urbanas e industriais, como as partículas, o dióxido de nitróxeno (NO2) ou o dióxido de xofre (SO2). Estes contaminantes son abordados por Ecoloxistas en Acción nos seus informes anuais sobre a calidade do aire, tamén baseados en datos oficiais.

O declive do carbón baixou as emisións de GEI de Galicia un 24% entre 1990 e 2019