ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES | NOTA DE PRENSA

Denuncian o desleixo de Medio Rural nas medidas preventivas contra o lume

A Organización Galega de Comunidades de Montes xunto con representantes dos bombeiros/as forestais denuncian o desleixo da Consellería de Medio Rural coa aplicación e desenvolvemento das medidas preventivas contra o lume.

Denuncian o desleixo de Medio Rural nas medidas preventivas contra o lume
bombeiros
bombeiros

Subliñan que o desleixo é evidente ante a carencia de axudas específicas para prevención e defensa contra os lumes forestais. Ao contrario que en anos precedentes, a Consellería do Medio Rural non proporcionou unha liña especifica de prevención e defensa contra os lumes forestais, na que ademais de reducir a biomasa forestal, se sufragaba unha medida imprescindible como a instalación puntos de abastecemento de auga.

As organizacións denuncian que a única liña de axudas que sacou esta consellería neste ano foi para accións silvicolas como rozas, clareados ou plantacións. Apuntan que "isto pódese comprobar doadamente, só hai que revisar o Diario Oficial de Galicia".

Ao desleixo na aplicación de medidas preventivas únese a precariedade laboral dos bombeiros forestais, quen levan tempo reclamando traballo continuo todo o ano e melloras nas súas precarias condicións laborais para acadar unha loita mais eficaz contra os lumes forestais.

Alertan que esta irresponsable relaxación da Consellería pode traer consecuencias catastróficas para os montes galegos e instan ao goberno galego a adoptar medidas inmediatas e corrixir a perigosa deriva.

Ademais o presidente da ORGACCMM reprochou ao conselleiro de Medio Rural que este anunciara que a proposta de lei de montes veciñais era pública e accesible: "No portal  de transparencia da Xunta somentes hai unha declaración de intencións por parte do goberno galego. Non aparece ningunha lei co seu texto articulado".

Denuncian o desleixo de Medio Rural nas medidas preventivas contra o lume