Plataforma Xurés Celanova | nota de prensa

Recollidas en 15 días máis de 300 alegacións en Baltar, Calvos e Os Blancos contra o proxecto de polígono eólico

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA organizou unha charla informativa o sábado en Feás (Calvos de Randín) coa participación do Sindicato Labrego Galego, e a que asistiron unhas corenta veciñas e veciños.

Recollidas en 15 días máis de 300 alegacións en Baltar, Calvos e Os Blancos contra o proxecto de polígono eólico
FOTO. Plano do proxecto. Poligonal e aldeas dentro da poligonal PINTÁS e O SILVOSO
Plano do proxecto. Poligonal e aldeas dentro da poligonal PINTÁS e O SILVOSO

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA xa ten recollidas máis de 300 alegacións contra o proxecto de polígono eólico de Greenalia que afecta aos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos, nunha campaña encabezada por veciñanza destes concellos e que está a ter un amplo respaldo entre a poboación dos diferentes núcleos rurais máis afectados.

A plataforma continuará a campaña até finais de mes, e sinalou dez puntos de recollida en 7 concellos da contorna nos que se poden topar as alegacións e cubrilas e deixalas alí. Tamén están a disposición de toda a cidadanía galega as alegacións na web da plataforma.

O prazo para presentar alegacións remata o próximo 2 de xuño, mais STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA ten a intención de comezar coas accións de rexistro público nos concellos afectados e nos concellos da contorna a próxima semana.

CHARLA INFORMATIVA EN FEÁS

O pasado domingo, co apoio e participación do Sindicato Labrego Galego, a plataforma convocou en Feás unha charla informativa aberta á veciñanza. Participaron uns corenta veciños e veciñas, quen despois dunha breve presentación do contexto de invasión eólica no que se inxire o proxecto de Greenalia nesta comarca, escoitaron o relato que fixo o técnico do Sindicato Labrego Galego sobre os principais impactos potenciais da infraestrutura na saúde, nas augas e na economía das aldeas máis próximas ao polígono industrial.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA chamou á veciñanza a se organizar para defender os seus dereitos como propietarios ou como afectados, e animou a coordinarse na loita contra as diferentes infraestruturas (os polígonos previstos no Larouco, na Boullosa, en Bande, Verea e Celanova, así como á Liña de Alta Tensión que uniría estas instalacións nun trazado duns 50 quilómetros até o Miño) que fan parte dos plans de Greenalia e outras empresas nas comarcas da Limia, Baixa Limia e Terra de Celanova, e que ameazan as augas que nutren os principais ríos (o Salas, o Limia e o Arnoia), a paisaxe do suroeste de Ourense, patrimonio documentado e por documentar e, sobre todo, montes e montañas senlleiras como o Larouco, a Aguioncha, a Pena Loba, o Monte Grande ou o Monte da Neve).

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA celebrou tamén unha asemblea o pasado sábado en Celanova na que acordou sumarse á manifestación nacional contra a invasión eólica, convocada pola coordinadora EÓLICA ASÍ NON, da que fai parte, para comezos de xuño en Compostela.

Comentarios
Recollidas en 15 días máis de 300 alegacións en Baltar, Calvos e Os Blancos contra o proxecto de polígono eólico