Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Denuncian novas irregularidades no acceso á información sobre a mina de Touro

Ecoloxistas en Acción censura  a maraña administrativa tecida coa complicidade de Augas de Galicia para entorpecer o acceso á información pública.

Denuncian novas irregularidades no acceso á información sobre a mina de Touro

En xuño de 2021, unha vez coñecida a resolución denegando o proxecto da mina de Touro, Ecoloxistas en Acción solicitou acceso ao expediente completo da concesión e atendendo ao estipulado na Lei 27/2006, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, este debería terse resolto no prazo de 30 días.

Unha solicitude cursada pola organización ecoloxista en previsión de que a empresa Cobre San Rafael puidera presentar recurso contra a negativa á reapertura, como así o fixo, e poder contar coa información precisa para  comprobar a situación da concesión, xa que, aínda a día de hoxe, descoñécese cal é o plan ou plans de restauración vixentes nos terreos afectados pola mina pechada no anos 80.

Ecoloxistas en Acción denuncia que case un ano despois da súa solicitude de información non ten ainda resposta definitiva. Mentras, sinalan, a empresa segue a realizar obras sen que se teña coñecemento dos permisos ambientais e condicións nas que se están autorizando nin a qué responde. Recordan que o proxecto de xestión de drenaxes ácidas de mina que lle foi requerido en 2018 a Explotaciones Gallegas aínda non está autorizado por Augas de Galicia.

A pesar de que ao aveiro da lei, Ecoloxistas en Acción ten dereito ao acceso aos expedientes da administración pública, tanto a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais como a Augas de Galicia inadmiten ou bloquean o acceso a información polos recursos presentados pola empresa Cobre San Rafael.

A administración Galega segue sen permitir o acceso aos procedementos sancionadores en tramitación e aos documentos relativos aos caducados plans de restauración. Documentación que sería esclarecedora da situación actual da mina, que continúa a contaminar os cauces próximos 24 horas ao día.

A organización ecoloxista lembra que  tamén se ven impedindo o acceso á información dos expedientes de proxecto de drenaxe definitivo que se tramita en Augas de Galicia, a proposta de resolución á Autorización Ambiental Integrada para a planta de tratamento de residuos do mesmo grupo de empresas que opera nos terreos da mina, o acceso ao expediente de autorización de restauración mediante a aplicación de tecnosoles que presumiblemente está nalgún departamento da Consellería de Medio Ambiente.

Ecoloxistas en Acción denuncia a maraña tecida deliberadamente de expedientes divididos por numerosos departamentos dos que ningún quere saber nada do que fai o outro e mentras tanto as escorrentías de augas procedentes dos terreos da mina de Touro seguen drenando ácido de mina, lixiviados,  as poboacións do entorno da planta de tratamento de residuos seguen soportando emanacións nocivas para a saúde prexudicando a calidade de vida, as cortas de Bama soportan miles de toneladas dos chamados tecnosoles, e se suceden a cotío as denuncias pola contaminación sistemática dos regatos  Pucheiras, Portapego, Burgo, Angumil e Felisa.

Tanto a administración como o grupo empresarial que opera nos terreos da explotación  conocida como mina de Touro insisten en que non teñen nada que agochar,  pero actúan como se no acceso a calquera papel se lles fora a vida. En troques, optan polas publireportaxes para amosar unha realidade paralela que nada ten que ver co que está a acontecer realmente.

«Un ano despois de solicitar a Información estamos enmarañados nun cruce de recursos e resolución entre a empresa mineira e a administración«. Insiste o voceiro da Área de minaría de Ecoloxistas en Acción.

Denuncian novas irregularidades no acceso á información sobre a mina de Touro