Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

A mina da Penouta continúa acumulando expedientes por verteduras de metais pesados

Ecoloxistas en Acción denuncia que a explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo, continúa vertendo residuos nos regos da zona, a pesar de numerosos procedementos  sancionadores.

A mina da Penouta continúa acumulando expedientes por verteduras de metais pesados
MIna Penouta
MIna Penouta

A organización ecoloxista demanda á Xunta de Galicia a inmediata revisión da Declaración de Impacto favorable feita pública en marzo e un plan de actuación para remediar a degradación ambiental do espazo protexido de Pena Trevinca.

Logo dunha nova denuncia de Ecoloxistas en Acción contra a titular da mina de estaño da Penouta, a canadense Strategic Minerals, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ven de iniciar novas dilixencias por vertidos con elevadas concentracións de metais pesados, que afectan a varios regos situados en plena Rede Natura 2000. Este é o cuarto expediente sancionador por vertidos iniciado desde 2018, acumulando a mineira sancións unha trás doutra, sen calquera efecto disuasorio, unha vez que a actividade ven recibindo cuantiosas subvencións europeas a pesar de non producir nada. A pesar das advertencias e alegacións de Ecoloxistas en Acción, a Xunta de Galicia dictou en marzo pasado unha Declaración de Impacto Ambiental favorable que permitirá á empresa iniciar unha grande mina a ceo aberto, incrementando os impactos ambientais.

Xa en 2018, a Confederación Hidrográfica sancionou a Strategic Minerals, pola vertedura directa, sen autorización administrativa, de augas de escorremento procedentes da explotación  mineira ao leito do rego da Treita de Cortiñas. Meses despois, o mesmo organismo hidráulico voltaba a sancionar á empresa polas verteduras derivadas da falla crítica dunha das balsas da explotación, unha vez máis causando danos ao dominio público hidráulico. A continuación en 2021, mentres se realizaba a avaliación de impacto ambiental do novo proxecto, foi imposta unha sanción máis polo derrame de lodos afectando ao rego da Treita de Cortiñas e ao río do Rosario.

Ecoloxistas en Acción ten denunciado que, segundo informes que posúe a administración galega, as masas de auga  de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca e Rego dos Corvos superan en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, todas elas substancias perigosas prioritarias, altamente tóxicas e no caso dalgunhas delas canceríxenas. A contaminación ten afectado ás propias captacións de auga da vila de Viana do Bolo, onde xa se tivo que interrumpir o subministro. Situación pola cal, a organización ecoloxista mesmo lle fixo chegar ao Concello de Viana un informe sobre os impactos na saúde que pode provocar a exposición prolongada a estas substancias tóxicas.

Subliñan que toda a zona atópase nun estado de contaminación grave por metais pesados. Unha situación que ven a empeorarse polas continuas verteduras procedentes da actividade mineira autorizada pola Xunta, ata o momento consistente no reprocesado dos materiais das antigas balsas, máis que á vista das inexistentes producións, apenas foi unha tapadeira para garantir a obtención dos dereitos para a explotación a ceo aberto que a mineira canadiana ven de anunciar este mesmo ano.

A mina, segundo advirten, encóntrase enclavada dentro do espazo natural Rede Natura Pena Trevinca, de modo que se se chega a autorizar a explotación a ceo aberto, o que podería acontecer nos próximos meses, a contaminación de metais pesados sobre a ZEC Pena Trevinca (ES1130007) e ZEPA Pena Trevinca (ES0000437) será devastadora.

“A mina da Penouta, alertan as ecoloxistas, é un gran foco de contaminación de metais pesados dos regatos da contorna de Pena Trevinca, en Rede Natura 2000. Isto é provocado polas características xeoquímicas do xacemento pero sobre todo polo incumprimento por parte das sucesivas concesionarias e da administración das súas obrigas en materia de restauración do espazo afectado pola actividades mineiras”. Sinala a voceira de Ecoloxistas en Acción.

Comentarios
A mina da Penouta continúa acumulando expedientes por verteduras de metais pesados