ADEGA | nota de prensa

As entidades ecoloxistas non asistirán ao COGAMADS mentres a Xunta siga vetando o debate eólico

Pedimos o amparo da Valedora para exercer o noso labor como membros eleitos deste organismo

As entidades ecoloxistas non asistirán ao COGAMADS mentres a Xunta siga vetando o debate eólico
reunión
Reunión de COGAMADS

Compostela, febreiro de 2023. Os vogais ecoloxistas no COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) ausentarémonos na vindeira sesión deste organismo consultivo mentres a Xunta persista en impedir o debate sobre as consecuencias da vaga eólica no patrimonio natural galego.

Na sesión do COGAMADS do 26 de xaneiro de 2022 aconteceron unha serie de irregularidades, como non atender a solicitude de varios vogais para debater un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. Porén, a Presidencia eludíu tramitar estas solicitudes abandonando precipitadamente a xuntanza mesmo sen tratar o último punto da orde do día, ante a sorpresa e os protestos dos representantes das nosas organizacións. A acta desa reunión (26 de xaneiro) en absoluto reflectíu estes feitos: varias organizacións pedimos a constancia en acta das dúas solicitudes de votación realizadas, das irregularidades no peche da sesión, e da solicitude dun pleno extraordinario para tratar as propostas bloquedas pola Presidencia.

Na orde do día da seguinte xuntanza, por dúas veces adiada e finalmente celebrada o 31 de maio de 2022, comprobamos que non figuraban malia telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica furtadas do debate na reunión do 26 de xaneiro. As estidades asinantes comunicamos á Presidencia do COGAMADS que os e as vogais das nosas organizacións ausentariámonos mentres non se incluiran na orde do día para o seu debate as propostas sobre a problemática eólica reiteradamente ignoradas por esta Presidencia.

Nesta sesión do 31/05/2022 os representantes do SLG-CCLL e da UDC chamaron a atención sobre as irregularidades denunciadas polos colectivos ecoloxistas ausentes, expresando reparos para a aprobación da acta anterior, á que votaron en contra CIG e SLG-CCLL, e se abstiveron UDC e UA. Asemade, UDC e SLG-CCLL manifestaron a súa oposición á interpretación feita pola Secretaría Xeral e a Presidencia no senso de considerar fóra das competencias do COGAMADS a emisión de informes e pronunciamentos a respeito do demandado polas nosas organizacións.

Perante a convocatoria dunha nova xuntanza do COGAMADS para o vindeiro 14 de febreiro de 2023, comprobamos novamente que na Orde do día segue sen figurar o punto sobre o debate e posicionamento deste organismo a respeito da problemática eólica reiteradamente reclamado polas nosas organizacións.

En consecuencia, persisten as circunstancias que motivaron a ausencia das nosas representantes da anterior reunión do COGAMADS polo que as organizacións asinantes comunicamos de novo á Presidencia que, por respecto ao Regulamento e aos demais membros deste organismo consultivo, ausentarémonos novamente da sesión. Asemade, acudiremos en amparo á Valedora do Pobo para que a Xunta permita aos vogais deste organismo consultivo o libre exercicio das súas competencias.

Compostela, febreiro de 2023

Asinan:

  • Fins Eirexas, vogal ecoloxista no COGAMADS en nome de ADEGA 
  • Xose Luis Baleato, vogal ecoloxista no COGAMADS en nome da FEG
  • Serafín González, vogal ecoloxista no COGAMADS en nome da SGHN

 

As entidades ecoloxistas non asistirán ao COGAMADS mentres a Xunta siga vetando o debate eólico