ADEGA | nota de prensa

Eólica Así Non organiza as xornadas "Temos Alternativa" para a construción colectiva dun modelo enerxético alternativo

As xornadas “Temos Alternativa” celebraranse os días 4 e 5 de febreiro, no Pazo da  Cultura de Pontevedra. Será necesario inscribirse previamente para participar
Eólica Así Non organiza as xornadas "Temos Alternativa" para a construción colectiva dun modelo enerxético alternativo
RP_Xornadas Temos Alternativa (2)
Rolda de prensa Xornadas Temos Alternativa

Este foro de reflexión contará con 30 palestras e 8 mesas redondas, nas que se exporán  outras formas de entender e abordar a transición enerxética de Galiza e as alternativas  ao actual modelo enerxético depredador. 

Galiza, a 11 de xaneiro de 2023.- A Coordinadora Eólica Así Non, formada por máis de 200  colectivos, plataformas e outras entidades galegas críticas co actual modelo eólico, organizan  as primeiras xornadas divulgativas e formativas “Temos Alternativa”, que terán lugar os días  4 e 5 de febreiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. As xornadas pretenden ser un encontro  de toda a sociedade galega no que tecer un modelo enerxético alternativo ao espolio e  especulación que rexe o actual modelo das macro-eléctricas, por terra e por mar, en  conivencia coas administracións públicas. Este espazo de reflexión colectiva afondará nos  principios fundamentais nos que Eólica Así Non asenta a súa proposta alternativa dunha  “enerxía xusta e sustentábel, por e para o pobo”, que foron recollidos no Manifesto “Temos  Alternativa” feito público o pasado 5 de xuño, polo Día Internacional do Medio Ambiente.  

Ademais das accións reivindicativas a pé de rúa que a Coordinadora desenvolveu nos últimos  dous anos a prol dunha moratoria eólica, da derrogacións das “leis de depredación”, dun novo  Plan Eólico galego, ou dun modelo enerxético xusto e sustentábel, conquerindo  manifestacións multitudinarias en todo o país, Eólica Así Non apela agora ao pobo galego a  facer fronte á actual ofensiva eólica, participando na creación colectiva da alternativa  enerxética baixo parámetros de sustentabilidade e xustiza social. Unha alternativa enerxética  que fuxa do oligopolio e da centralización na produción, do espolio e privatización dos  recursos, da especulación e destrución do territorio e dos recortes democráticos, para  basearse na protección medioambiental, no aforro e a eficiencia, no consumo responsábel,  na soberanía enerxética e alimentaria, na participación democrática, no autoconsumo e  outras formas de produción distribuída, na xestión pública do recurso ou na preservación da  saúde pública.  

A Coordinadora Eólica Así Non denuncia unha vez máis a incompetencia dos gobernos  galego e estatal para promover unha transición ecolóxica ordenada e democrática, deixando  tal responsabilidade en mans de intereses privados e das grandes corporacións  multinacionais da enerxía, con consecuentes efectos devastadores e irreversibles para o  territorio galego. Por tanto, “outra volta é o pobo galego o que se autoorganiza, forma e  informa, para introducir algo de racionalidade ecolóxica e social neste proceso de cambio, para procurármonos un futuro cada vez máis autosuficiente, sostíbel e resiliente fronte o cambio climático, acolléndonos a modelos enerxéticos que non sexan autodestrutivos, como  o actualmente imposto polo lobby enerxético e os gobernos galego e estatal”, afirman. 

As xornadas “Temos Alternativa” pretenden ser ademais un foro de formación ou capacitación da veciñanza e comunidades afectadas no uso de ferramentas xurídico-legais fronte a unha  invasión eólica que nas últimas semanas se viu acelerada por mor das normativas de  simplificación administrativa impulsadas polos gobernos galego e estatal.  

O programa do encontro ofrece unha proposta de contidos moi completa para a primeira fin  de semana de febreiro, que se concreta en 8 mesas redondas e unhas 30 persoas relatoras  recoñecidas no seu ámbito. Entre as persoas intervintes, atoparemos especialistas na análise do sector enerxético e do reto climático, docentes das universidades galegas en materia de  economía aplicada, urbanismo, paisaxe e de dereito administrativo, membros de comunidades científicas e de centros de investigación expertos en transición ecolóxica, e voceiras de organizacións ecoloxistas, sindicais, comunidades de montes e das principais  plataformas de colectivos afectados en Galiza que traballan na procura dun modelo  enerxético alternativo ao imposto. Tamén se incorporan ao programa voces doutros territorios  que darán unha perspectiva máis global á problemática, así como científicos recoñecidos no  eido da investigación sobre os límites do crecemento. 

Inscrición previa e xantar 

Para poder participar nas xornadas “Temos Alternativa”, organizadas para a Coordinadora  Eólica Así Non para os días 4 e 5 de febreiro, é preciso inscribirse previamente a través dun  formulario online destinado a tal fin, ou chamando por teléfono ao 981570099, en horario de  mañá. 

Todas as charlas e mesas redondas celebraranse no Pazo da Cultura da cidade do Lérez, espazo cedido polo concello de Pontevedra para tal finalidade. As reservas para o xantar no  Pazo da Cultura deberán formalizarse tamén a través do formulario de inscrición. 

Formulario inscrición: https://forms.gle/e95SFUZfM7zqi1oU7 

Para máis información: 698139913 (Belén Rodríguez).

CARTAZ_xornadas_eolica_asi_non2
Cartaz xornadas Eólica Asi Non

PROGRAMA XORNADAS “TEMOS ALTERNATIVA” 

4 e 5 febreiro, Pontevedra 

Sábado, 4 febreiro 

09:50 h. Inauguración Xornadas 

10:00 h. Situación enerxética actual e bases para un modelo alternativo na Galiza. 

  • Fernando Branco, membro do colectivo Bidán e coordinador da Mesa de Enerxía da CIG. 
  • Xoán Doldán, profesor de Economía aplicada da USC e membro de Véspera de Nada. 
  • Cristina Alonso, responsable da área de xustiza climática e enerxía de Amigas da Terra(*). 

11:45 h. Os Macro-eólicos mariños e as hidroeléctricas. Historia e situación actual. 

  • Torcuato Teixeira, avogado de dereito pesqueiro e voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños. 
  • Marta García, catedrática de Dereito administrativo da UdC. 
  • Antonio Sandoval, ornitólogo e coordinador de SEO/BirdLife en Galicia. 
  • Manolo Cabarcos, membro do colectivo de debate enerxético Bidán. 

13.45 h. Xantar-cóctel (incl. opción vegana). 

16:00 h. Mesas simultáneas. 

Mesa 1. Autoconsumo e Comunidades Enerxéticas. 

  • Raquel Fernández, técnica do programa de impulso ás comunidades enerxéticas de Amigas da Terra. 
  • José Eiras, enxeñeiro de minas e tesoureiro de Nosa Enerxía S.Coop.Galega. 
  • Xosé Golpe, consultor enerxético. 
  • Brunno Dutto, enxeñeiro do proxecto enerxético da C.M.V.M.C de Tameiga (Mos). 

Mesa 2. Xestión de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. 

  • Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes. 
  • Alberto Covelo, presidente da C.M.V.M.C de Vincios (Gondomar). 
  • Xose Antón Araúxo, presidente da C.M.V.M.C de Couso (Gondomar). 

(*) Palestra por videoconferencia. 

17:30 h. Alternativas enerxéticas no mundo.  

Experiencias, perspectivas globais e os límites do crecemento. 

  • Antonio Turiel, físico, matemático e investigador científico no Institut de Ciències del Mar do CSIC (*). 
  • Alicia Valero, profesora da Universidade de Zaragoza e investigadora do CIRCE(*). 
  • Sofía Pacheco, co-fundadora da cooperativa Mexicana Onergia(*). 
  • Héctor Santorum, enxeñeiro e activista da A.S. Juventud Activa Saharaui. 

19:30 h. Clausura da primeira xornada. 

Domingo, 5 febreiro 

10:00 h. Contexto xurídico-legal arredor das Macro eléctricas. 

  • · Xoán Antón Pérez, secretario Xeral de ACOUGA. 
  • · Carlos I. Aymerich, profesor de Dereito administrativo da UdC. 
  • · Rosa María Regueiro, profesora de Economía aplicada da Universidade de Santiago (USC). 
  • · Fernando de Abel, profesor de Dereito administrativo da USC, vogal de ADEGA. 

11:45 h. A defensa dos nosos recursos hídricos, medio ambiente, saúde e sectores primarios. 

  • Carme Varela, filóloga e escritora. Asociación Veciños O Outeiro (A Baña).  
  • Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA. 
  • Sara Torreiro, xornalista e membro da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes.  
  • Cristina Fontán, profesora de Urbanismo e Paisaxe na Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña. 

13:45 h. Xantar-cóctel (incl. opción vegana). 

16:00 h. Obradoiro sobre ferramentas xurídico-legais fronte á depredación das Macro-eléctricas. 

  • Manuel Germade. Coordinador en ACOUGA e voceiro de Afectadas polas Sasdónigas. 
  • Óscar Insua. Avogado da equipa xurídica de ADEGA. 
  • Iván Rodríguez, xeólogo e membro do SLG. 

17:30 h. Clausura das xornadas. 

Inscrición: https://forms.gle/e95SFUZfM7zqi1oU7

Comentarios
Eólica Así Non organiza as xornadas "Temos Alternativa" para a construción colectiva dun modelo enerxético alternativo