Plataforma Xurés Celanova | nota de prensa

Iberdrola pretende coroar o Xurés con catro aeros de 180 metros

O proxecto de Iberdrola sitúa as máquinas a 600 metros do Parque Natural do Xurés e no interior da Área de especial interese paisaxístico Serra da Pena-O Couto Mixto.

 

Iberdrola pretende coroar o Xurés con catro aeros de 180 metros
Cortalumes na fronteira e cuíña do Portelo, onde hai vestixios do castelo medieval
Cortalumes na fronteira e cuíña do Portelo, onde hai vestixios do castelo medieval
  • O proxecto PE de San Martiño superponse aos de Mistral e Tramontana, aínda sen información pública.
  • A proximidade dos aeroxeradores ás aldeas de Sabucedo e San Martiño dos Peros, no lado galego, e á lusa de Sendim farían inviábel o proxecto coa nova normativa de distancia (x5) que a Xunta di que vai implantar.
  • A perimetral decorre paralela á “raia”, mais Iberdrola non informa nos documentos dos impactos en Portugal e ignora os efectos combinados cos polígonos, moi próximos, do lado luso.

A ameaza dunha liña de 73 máquinas aeroxeradoras, de entre oitenta e cento oitenta metros de altura, no horizonte arraiano entre a Serra do Larouco e o Candal, na parte oriental do Parque Natural do Xurés, está sobre a mesa da Administración pública galega coa publicación onte do proxecto P.E. San Martiño, no linde dos concellos de Baltar e Calvos de Randín e o portugués de Montalegre.

A ameaza está sobre a mesa da Xunta de Galiza sen que se teñan pronunciado nin Consello da Cultura Galega nin o Comité Científico da Reserva da Biosfera nin a Xunta Reitora nin o Comité Científico do Parque Natural do Xurés, tal e como reclamou o pasado mes de agosto STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA, seguindo as alegacións elaboradas por Petón do Lobo contra a LAT do Xurés.

DISTANCIAS

Corporación Iberdrola, unha das grandes empresas do oligopolio eléctrico no Estado español, pretende instalar 4 aeroxeradores de 200 metros de altura na mesma fronteira con Portugal, a unha distancia de apenas un quilómetro das aldeas de Sabucedo dos Peros e San Martiño dos Peros, na parte galega, e a uns oitocentos metros da aldea lusa de Sendim. Cos cambios normativos que a Xunta anunciou a semana pasada, entre eles o de establecer a distancia mínima entre máquinas e vivendas a cinco veces a altura dos aeroxeradores, este proxecto sería inviábel.

Ademais, o mapa acústico que inclúe o estudo de impacto ambiental indica que as aldeas de Sabucedo dos Peros e San Martiño dos Peros percibirán ruídos nun rango de 40 a 45 decibelios. 

Como se pode comprobar na figura (NO ANEXO: niveis acústicos), tirada do estudo de impacto ambiental elaborado pola empresa Taxus con sede en Oviedo, Iberdrola non informa dos efectos acústicos dos aeroxeradores en Portugal. O núcleo de poboación máis próximo ás máquinas é o de Sendim, en Portugal, a uns 600 metros do aeroxerador número 3.

Iberdrola tampouco considera os impactos combinados do proxecto P.E. San Martiño cos polígonos eólicos en territorio luso, cando no rango de dez quilómetros que atende o estudo sitúanse varias centrais eólicas, entre elas, a de Cabeço Alto, con 12 máquinas e á mesma altura que o Parque Natural do Xurés.

PAISAXE

Iberdrola pretende chantar os aeroxeradores máis altos da raia nunha área declarada de Especial Interese Paisaxístico, a denominada Serra da Pena-O Couto Mixto, integrada no conxunto de protección das Chairas, fosas e serras ourensás. A instalación, como recoñece a empresa no documento de avaliación de impactos, de máis de mil páxinas e en información pública desde o luns, tamén provocará impactos paisaxísticos na Fraga da Rousía (concello de Baltar), a 800 metros das máquinas, e nos Penedos da Raíña Loba (concello dos Blancos).

Iberdrola é a empresa que promoveu e xestiona o macro-polígono que ocupa o Monte Larouco, en Cualedro, con 42 máquinas de 81 metros de altura nunha ringleira de 6,9 quilómetros, que xa estragou a área de protección paisaxística Penas da Serra do Larouco, entre Lucenza e a Fraga Brava. A desfeita paisaxística concretaríase coa instalación dos P.E. de Tramontana (8 aeroxeradores), Mistral (7) e San Martiño (4) que unirían a liña visual da central eólica de Iberdrola no Larouco co P.E. de Cabeço Alto (12 aeroxeradores), a uns vinte quilómetros ao leste.

NATUREZA E PATRIMONIO

Alén do impacto paisaxístico, os plans de Iberdrola tería afeccións severas na natureza e no patrimonio desta parte do concello de Baltar. A empresa recoñece que as máquinas están moi próximas ao límite administrativo da Reserva Transfronteiriza Xurés-Gerês (248 metros) e da Rede Natura e das áreas ZEC e ZEPVN, así como do Parque Natural do Xurés (640 metros).

En canto as afeccións ao patrimonio cultural, a empresa advirte que está pendente o estudo do que se encargará ZETA  Arqueoloxía SL. Porén, no que sinala como “análise previa”, xa identifica afeccións a varios elementos que se sitúan moi próximos ou mesmo dentro da perimetral do polígono eólico previsto. E sinala o Castro da Boullosa, os túmulos de Anta e do Alto da Escusa, un posíbel neveiro no Alto da Frieira, e o Castelo do Portelo. Este último elemento, que coincide co marco número 150 da raia e ten parte en Portugal e parte na Galiza, a catalogación da Xunta indica que ten “dominio visual absoluto cara todos os puntos cardinais da cabeceira do Val do Salas e Montalegre.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA, que xa presentou en setembro alegación contra a LAT do Xurés, a liña de evacuación conxunta, proxectada para as centrais de Tramontana e Mistral que vai do concello de Baltar ao de Muíños, pasando polo de Calvos de Randín, contestará tamén este proxecto de Iberdrola. O prazo para as alegacións remata en menos dun mes, o 24 de novembro. No caso do proxecto San Martiño, a liña de evacuación que a empresa presenta nestes documentos a exposición pública conectaría este polígono coa subestación do Larouco, tamén explotada por Iberdrola.

Comentarios
Iberdrola pretende coroar o Xurés con catro aeros de 180 metros