Salvemos Cabana | nota de prensa

Investigacións científicas confirman o impacto negativo da actividade da mina de Touro sobre a conca fluvial do Ulla e a ría de Arousa

Os datos dos especialistas confirman que a reapertura do proxecto a ceo aberto podería conlevar unha problemática engadida en caso de accidente a gran escala e que a restauración de canles afectadas pola antiga explotación, especialmente no caso dos acuíferos, vai resultar unha tarefa extremadamente difícil para a que non existen "solucións máxicas" como a instalación de plantas de tratamento.
Investigacións científicas confirman o impacto negativo da actividade da mina de Touro sobre a conca fluvial do Ulla e a ría de Arousa
Impacto ambiental da mina de Touro
Impacto ambiental da mina de Touro
Xa nunha investigación desenvolvida por Rosa Calvo e outros autores ao peche da operación mineira fai tres décadas, os científicos fixeron constar que o lamentable estado das augas superficiais e subterráneas da zona (tóxicas e hiperácidas) que permanece hoxe en día, presenta niveis perigosos para a saúde hamana e os ecosistemas de elementos coma o aluminio e metais pesados como zinc, cobre e níquel que sumados a outros compostos coma os sulfatos "non son tolebrables para a vida animal, recreo e abastecimento, non podendo potabilizarse un gran número delas" e ademáis mostrando nalgúns caos "un gravísimo risco de toxicidade", algo que tamén se manifesta na "influencia negativa dos solos situados nas marxes fluviais nas que aparecen signos evidentes de contaminación".

Doutra banda, o estudo deixa de manifesto que "a influencia sobre augas freáticas e contaminación de acuíferos faise especialmente evidente nas análises realizadas en pocos, fontes e augas de traída de núcleos rurais" pois das 22 mostras recollidas para a investigación por aquel entón só dúas delas eran susceptibles "de ser bebidas directamente" e outras 17 "non son potabilizables nalgunha época ou durante todo o ano", o que demostra a gravedade dun problema actualmente segue a supoñer un risco para a poboación.

Para a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana esta situación ten, de xeito evidente, un impacto significativo na conca fluvial do Ulla e por ende na ría de Arousa como demostran investigacións posteriores. Neste senso, un traballo de Ricardo Prego e outros investigadores sobre a presenza de metais no esteiro do Ulla constatou a presenza de elevados niveles de cromo, cobre, manganeso, níquel e zinc, dando por sentado que a orixe dalgúns destes metais pesados "debe de ser o transporte fluvial" podendo propoñerse os depósitos existentes na mina de Touro "como posible orixe dese transporte" ao igual que se detectou noutros estuarios fluviais.

OS DATOS CIENTÍFICOS DESACONSELLAN A REAPERTURA DA MINA

Á vista dos feitos, e ante a grave situación que atravesa a zona, todo desaconsella a reapertura do proxecto a ceo aberto pois nin o uso "das mellores técnicas dispoñibles" a nivel mineiro nin a "filosofía de vertedura cero", que non son máis que conceptos que tradicionalmente as empresas mineiras venden a nivel publicitario, poderían evitar, en caso de accidente a gran escala, un desastre ambiental sen precedentes en Galicia afectando ás miles de familias que dependen da riqueza natural da ría de Arousa.

UNHA ACTIVIDADE HISTÓRICAMENTE PERIGOSA PARA O MEDIO AMBIENTE QUE NON TIVO RESTAURACIÓN ALGUNHA 

A mina de Touro foi explotada a ceo aberto por Rio Tinto S.A. dende 1970 ata 1986 a través de tres cortas principais: Arinteiro, Vieiro e Bama, das que se obtivo calcopirita e pirrotina para a obtención de cobre, aínda que tamén se conseguiron pequenas cantidades de ouro a partir do concentrado ou gossan.

Ocupando unha extensión de máis de 600 hectáreas, a zona quedou completamente arrasada e formáronse grandes entulleiras, quedando a zona de labores exposta á acción dos elementos, o que facilitou a súa meteorización, así como a oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral e a súa liberación ao medio ambiente. Deste xeito, os elevados contidos de elementos metálicos como cobre e ferro, e níquel, cromo, plomo en zinc presentes nas entulleiras viron favorecida a súa mobilidade pola acción ambiental, provocando unha grave contaminación do recurso hídrico e dos solos que actualmente permanece.

Comentarios
Investigacións científicas confirman o impacto negativo da actividade da mina de Touro sobre a conca fluvial do Ulla e a ría de Arousa